Piso de estudantes

Francisco Ant. Vidal< / span>

FIRMAS

14 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Superada a selectividade e escollida a carreira, o futuro universitario amosa a felicidade da próxima independencia, mentres seus pais preocupanse por se esa emancipacións vai ser boa ou mala para o seu renteno e para o futuro da unidade familiar. Fóra do niño o paxaro ha de saber que non todas os aves son da mesma calaña, que deberá arredarse de voitres e lagarteiras, e arrimarse ós espertos petos, as cariñosas ruliñas e as sabias curuxas, porque na volta de catro anos todo o que faga, como o faga e con quen o faga vai marcar o seu porvir.

Ó longo do verán as viaxes a Compostela para valorar o mellor aloxamento posible vanse multiplicar semana tras semana. O medo á soidade do cativo fai que os pais valoren todas as posibilidades: pensións, colexios maiores e apartamentos de distintas dimensións e en distintas situacións, ata facerlles descubrir un mundo inimaxinable: desde verdadeiras suites luxosamente amobladas a faiados polos que se colan os raios de sol e do luar sobre un sergón de caropa. As posibilidades son múltiples e os prezos a cousa máis dispar a que nunca se enfrontaron. En setembro xa teñen unha idea, pero tamén ven como as mellores oportunidades se van perdendo por pensalo demasiado, polo que de súpeto comeza a procura contra reloxo dun lugar habitable, preto da facultade, en barrio pouco conflitivo, arredado de bares, pubs e outros locais de vida nocturna, e economicamente sostible. Esa relación entre prezo e comodidade, custo e prestacións tan difícil de facer cadrar nas mesas de contratación. Os caseiros abren as portas dos apartamentos magnificando as marabillas e os futuros arrendatarios contrastan opinións, e mentres o estudante xa quere quedar co primeiro que ve os pais aínda valoran a calidade dos mobles, equipamento da cociña, independencia do estudante para non ser molestado, conexión a internet e incluso o nivel de ruído exterior que poida chegar a dentro do habitáculo escollido para lugar de estudio.

Poucos apartamentos cumpren coas mínimas prestacións esixibles, agás que sexan celas conventuais ou fiquen nos arrabaldes da cidade, illados por intransitables camiños de pés. Cerca das facultades os prezos dispáranse e no centro da cidade son inalcanzables, agás para algún catedrático ou para os presentadores da televisión. Daquela, o apartamento máis idóneo, nunha rúa da parte nova, non moi lonxe do campus sur, aínda que o estudante teña que estudar no norte, preséntase como o máis idóneo, pero é demasiado caro e grande para unha soa persoa, polo que compre falar cos compis do instituto por ver se poden compartir habitacións. Os proxenitores, convertidos en representantes dos cativos en calidade de diplomáticos, falan e empréganse a fondo con reunións e urxentes chamadas telefónicas que por veces se prolongan durante longas horas de regateo, ata que, finalmente todo queda amañado: o piso de estudantes vai aloxar a catro amigos que se coñecen pero nunca conviviron, catro coñecidos que nunca compartiron ningún tipo de intimidade, polo que, en reunión previa consensúan as súas diferenzas e afinidades, repártense roles e horarios, e sortean as habitacións, todo sancionado polas figuras paternas, que agora, convertidos en tribunal constitucional, aconsellan, sinalan, obrigan e acoutan.

O piso de estudantes é, finalmente, un estado de autonomías, ou un estado federal no que distintas sensibilidades han de convivir en harmonía, e onde, como en toda comunidade, cada quen sempre ha de querer a tallada máis grande para si. Un lugar de conflito e de consenso.