A toda présa

Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

FIRMAS

01 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Que o día está mal repartido é algo que todos sabemos pero ninguén pode facer nada por remedialo. As horas son as que son e aquela máxima de oito horas para traballar, oito para durmir e oito para o resto ninguén a cumpre. O día sempre queda escaso para tanto que se necesita.

A actividade primeira de cada mañá é ler a axenda, ou escoitar os avisos das múltiples alarmas e recordatorios gravados no móbil. E a expresión de despedida máis común ó saír da casa é un «¿Darache tempo...?», «A ver se podes»; e a resposta «Vou ver», «Intentareino», «Xa lle farei un oco». Non hai tempo para nada. E Xulio, que ultimamente anda sempre con présa mandoume un whatsapp dicindo «chg tarde», escrito con tanto apuro que ata mutilou as palabras, porque isto da mutilación ortográfica non é cousa de rapaces, senón da présa con que se anda.

Pero estoutro xoves, con artes de embaucador, Moncho conseguiu atalo ó asento máis de cinco minutos e tirarlle da lingua, e así soubemos que todo é por mor deste fin de curso que non lle deixa tempo para nada, máis aínda desde que se meteu a facer horas extra para compensar a perda de poder adquisitivo, por se fose pouco o choio que ten, ademais de axudarlle ós seus cativos cos deberes, levalos ás actividades deportivas, pasar a mercar o que a muller lle ten encargado e apuntado nun folio para que non falte nada na neveira, e roubarlle ó tempo estes cinco minutos para saudar ós compoñentes de parladoiro botando a alma pola boca. E así nolo di el, que vivimos nun mundo acelerado, e por se alguén pensa que só é cuestión de apreciación, agora xa hai estudios que o certifican ?asegúranos-, estudios que nos din o tempo que empregamos en cada cousa por querer abarcalo todo, e o que perdemos precisamente por tanto andar ás carreiras. Chámeselle modernismo, novos hábitos ou o que se queira, o certo é que neste mesmo bar, os seareiros entran correndo, beben dun grolo e saen con apuro, e o camareiro cóntannos que ata comen de pé para non perder tempo e o café lévano nun vaso de plástico para tomar na oficina. E aproveitando un momento de asombro tamén nos di algo que todos sabíamos aínda que non nos paramos a comentalo, que os coches cada vez andan máis lentos a pesar de ter motores máis potentes, porque se estorban uns ós outros nas rotondas e nos semáforos por ver quen gaña uns segundos, e se ben desde a súa casa ó choio tarda quince minutos andando, en coche aínda lle ten que sumar o tempo de buscar aparcamento que moitas veces dobra ó de desprazamento.

A mesma xente que camiña pola rúa semella que vai nunha maratón, e de feito ata a moda se adapta a esa necesidade de correr con que se vive, tanto que os anuncios de traxes amosan a tipos que brincan, como se anunciasen unha roupa deportiva, e cada vez abundan máis os executivos que trocaron o portafolios de toda a vida pola mochila, que lles deixa as mans libres para ir abrindo camiño. Xulio tamén comprobou que nunha galería de arte, antes podía tardar de corenta e cinco minutos a unha hora tirando polo baixo, pero agora antes dos vinte xa a viu toda. As présas fanlle perder interese pola cultura, ó extremo de que os libros de máis de duascentas páxinas relégaos ó estante das lecturas pendentes. De feito, segundo ten comprobado, os mesmos libros cada vez teñen ou menos páxinas ou a letra máis grande.

En resumidas, que vivimos con présa e non temos tempo nin para escribir unha mensaxe con todas as letras, ler un artigo coma este, comer sentados á mesa ou pasar unha tarde de charla; e logo aínda hai quen lle quita horas ó sono para machacar o corpo nun ximnasio.