Un novo rumbo

José Blanco INTEGRANTE DA LISTA DO PSOE PARA AS EUROPEAS

FIRMAS

30 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O 25 de maio Europa, España e Galicia xóganse o seu futuro. Nestas eleccións decídese qué rumbo toma Europa: se segue a despeñarse pola deriva mercantilista e antisocial dos últimos anos de maioría conservadora ou se emprende o voo cara á construción da Europa social e cidadá. Nesta campaña van confrontar dous proxectos: o da dereita galega, española e europea de máis austeridade e recortes. E o da esquerda galega, española e europea de defensa dos dereitos sociais, o investimento produtivo, o emprego e as liberdades. Europa necesita un novo rumbo que impulse unha nova axenda do crecemento que combata o desemprego e aposte pola industria e a innovación. Nese novo rumbo, Galicia necesita unha voz forte que defenda os seus sectores produtivos. Os socialistas galegos estamos comprometidos para defender Galicia en Europa. Para loitar por un reparto xusto das axudas da PAC que prime o emprego e aos profesionais, non aos rentistas. Para mellorar a política pesqueira común tanto no reparto de axudas como no das posibilidades de pesca da flota galega e na protección do marisqueo e a acuicultura. Para impulsar o sector naval, os sectores industriais e a innovación. Para defender, en suma, os nosos intereses como país. Por iso é tan transcendente o que suceda o 25-M: porque unha nova maioría pode cambiar o enfoque e as prioridades das leis básicas que determinan a nosa economía e benestar. E nesa nova maioría, os socialistas imos estar en primeira liña.