«A doenza renal é silenciosa e cando avisa xa é moi tarde»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

XOÁN A. SOLER

Case 500 persoas esperan un transplante en Galicia, afirma

15 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A asociación Alcer insistiu onte na necesidade de diagnóstico precoz para evitar o alto custo psicosocial e económico da doenza renal crónica, ao celebrar o Día Mundial dedicado a este problema de saúde. O seu delegado en Compostela, Manoel Bello destaca a boa resposta solidaria que teñen na cidade, e que se evidenciou máis unha vez na mesa que organizaron no centro comercial As Cancelas.

-¿Cal é a mensaxe deste Día Mundial?

-Insistimos en que a doenza renal é silenciosa e cando avisa xa é moi tarde. Por iso hai que impulsar a súa prevención, para mellorar a calidade de vida das persoas que a padecen e aforrar no elevado gasto sanitario que ocasiona.

-¿Que deben saber todas as persoas sobre esta doenza?

-Que é necesario facer unha boa prevención, en especial as persoas que padecen patoloxías como diabete ou hipertensión, entre quen a doenza renal crónica afecta máis. Sobre todo a partir dos 60 anos hai que controlar a función renal. É tamén unha doenza moi custosa para o sistema público de saúde, pois hai moitos doentes que precisan diálise, un transplante e tratamentos con fármacos moi caros.

-¿Hai moita lista de espera para uns transplante?

-Case 500 persoas están á espera dun transplante renal en Galicia. Os últimos anos diminuíron os accidentes e por iso hai menos persoas doadoras.

-¿Como resultou este Día Mundial en Compostela?

-Veu moita xente falar con nós e participar nas nosas actividades. Das 11.00 da mañá ás 18.00 da tarde fixeron o carné de doador de órganos 70 persoas, e outras ensinaban como xa o tiñan. Tamén houbo persoal voluntario, que fixeron probas a todas as persoas interesadas e detectaron casos con glicosa e hipertensión elevada, algúns de persoas que non sospeitaban ter problemas e ás que se lles recomendou ir ao médico para controlar a súa saúde.

-¿Como é a actividade de Alcer en Santiago?

-Ofrecemos un programa de actividade física, na casa das asociacións de benestar social de Salgueiriños, que ten bastante participación. Agora vamos visitar máis os centros de diálise, públicos e concertados, porque hai bastante xente de idade avanzada que está a esperar por un transplante.

MANOEL BELLO DELEGADO DA ASOCIACIÓN ALCER EN SANTIAGO