«Para Barbanza é un privilexio ter un museo coma o de Artes»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

monica ferreiros

Destaca tanto a cantidade como a calidade dos fondos

20 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A comezos de outubro, a boirense Lidia Sánchez aterraba no Museo do Gravado de Artes para asumir por un tempo a responsabilidade de dirixir a que sen dúbida é a sala de exposicións máis importante de Barbanza. Pasou a ocupar o cargo en tempada baixa, despois do período estrela en canto a afluencia de visitantes que é o verán, pero agora traballa arreo na planificación das mostras para este ano e na coordinación do certame Atlante, que se atopa na recta final.

-¿Conocía o museo antes de outubro?

-Si, visitárao con antelación, atraída polo edificio en si e polo feito de tratarse dun museo único en España.

-E unha vez que tivo acceso ao corazón da sala, ¿que lle chamou a atención?

-Quedei impresionada pola amplitude dos fondos. A colección de obras é inmensa. Trátase ademais de gravados de moito valor.

-Dise do museo que atrae a máis visitantes de fóra que de Barbanza, ¿coincide vostede?

-Hai que ter en conta que eu me incorporei en tempada baixa e, polo de agora, non houbo unha gran afluencia. Do que vin, a maioría dos visitantes son de Galicia, pero de fóra de Barbanza.

-¿Que lles chama a atención desta sala?

-Quedan bastante impresionados cando se lles fala dos fondos que ten o museo. Para Barbanza é un privilexio ter un museo coma o de Artes.

-Está anunciada xa a celebración dunha nova BarbantiArte, ¿empezouse xa a traballar?

-Establecéronse contactos pero, polo de agora, aínda non está confeccionada a lista de artistas que van expoñer. Si se sabe xa que vai ter lugar a finais de ano, de setembro a decembro.

-Vostede non viviu a anterior edición pero, ¿cónstalle que revolucionou a estatística de visitantes?

-Si, si que me consta que foi todo un éxito. O máis destacable foi quizais o feito de que chamou a atención de moitos veciños de Barbanza, que iso non era habitual no museo.

-¿En que fase se atopa o certame Atlante?

-Coas últimas obras que chegaron por correo acadouse a cifra de 218 traballos presentados, procedentes de 15 países diferentes. Estamos pendentes de fixar a data de reunión do xurado.

-¿Sorprendeulle a envergadura deste certame?

-Por suposto. Sorprendeume moitísimo a acollida que ten o certame, tanto polo número de obras recibidas como pola procedencia das mesmas. Queda demostrado que é un premio destacado a nivel nacional e internacional.

-A nivel expositivo, ¿que se coce a día de hoxe na sala?

-Estamos preparando unha nova exposición que se vai abrir en breve e que, realmente, son dúas obras en unha. Por un lado, son os traballos de Hércules que fixo Nicolás Poussin e, por outra, a obra de Manolo Dimas. As dúas colección tratan o tema da mitoloxía.

lidia sánchez directora temporal do museo do gravado