«Boto de menos un espazo museístico adicado a Pastor Díaz»

Mar García Balseiro
MAR G. BALSEIRO VIVEIRO / LA VOZ

FIRMAS

A Real Academia Galega presenta mañán un libro sobre o escritor

29 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A Real Academia Galega presenta mañán na súa sede coruñesa un libro que recolle as ponencias sobre a figura de Pastor Díaz, feitas na conmemoración do biocentenario do seu nacemento. Emilio Insua, profesor e investigador, repasa a figura do ilustre viveirense nas súas diferentes facetas.

-Coñécese o suficiente a figura de Pastor Díaz? Está todo dito?

- Unha figura da súa talla debe ser necesariamente sempre obxecto de constantes relecturas. Viviu nun tempo tan convulso e participou tan en primeira liña de acontecementos tan interesantes que é imposible renunciar a tomalo en consideración unha e outra vez se queremos ter un coñecemento máis acaído da súa traxectoria e relevancia. De feito, o propio volume que acaba de editar a Academia Galega, co título de O resplandor primeiro, é boa mostra desta necesidade de «volver» a Pastor Díaz para entendelo e explicalo aínda mellor e para completar moitas das zonas aínda asombradas do seu retrato humano, político e intelectual. O «expediente Pastor Díaz» como literato non só permanece sen pechar, senón que nos últimos tempos están a producirse contributos e achados interesantísmos: fíxose a edición crítica da súa obra poética completa, encontrouse e xa se publicou unha biografía que sobre el escribira Ramón Villar Ponte, apareceron fragmentos dun terceiro longo poema en galego da súa autoría. Estou convencido de que no inmediato futuro seguirán aparecendo nova pezas relevantes.

-En Viveiro máis aló da estatua da praza ou do teatro, ocupa o sitio que lle corresponde?

-Eu distinguiría varios planos. No simbólico ou icónico, Pastor Díaz está máis que ben representado na nosa trama urbana: a estatua (por máis que estea «arrinconada»), o nome da rúa principal, o teatro... No plano do interese investigador e do prestixio literario, non cabe dúbida de que é, sen discusión, a figura viveirense máis ilustre e non é casual que practicamente todos e cada un dos grandes intelectuais que aquí naceron lle teñan dedicado atención: os Villar Ponte, Leal Ínsua, Lois Tobío, Ramón Canosa, Chao Espina, Fausto Galdo e un longo etcétera. E no plano divulgativo e de aproveitamento cultural da figura (e tamén económico, vía turismo), boto de menos a existencia dun espazo museístico dedicado a el, mesmo que fose pequeno. A exposición que fixo o Seminario Terra de Viveiro no ano do segundo centenario do escritor dá boa proba das potencialidades que existen nese sentido.

-O recoñecemento da Academia era unha asignatura pendente con Pastor Díaz?

-Penso que se hai algunha entidade cultural galega que lle emprestase a Pastor Díaz atención de maneira relativamente constante esa é a Academia Galega, xa desde a fundación. O seu primeiro presidente, Murguía, foi, non o esquezamos, quen lanzou a idea de erixirlle unha estatua a Pastor Díaz na nosa vila. A Academia non faltou, máis tarde, a ningún dos eventos conmemorativos importantes relacionados coa figura de Pastor Díaz (centenarios, traslado dos restos, etc.) e numerarios como Parga Sanjurjo e Chao Espina deitaron atención sobre ela nas páxinas do seu Boletín. Varias das visitas institucionais da Corporación a Viveiro están vinculadas ao autor da «Alborada». No Arquivo-Hemeroteca e agora tamén na páxina web da Academia hai abundantísimos materiais de todo tipo sobre o noso escritor e agora edítase un volume sobre el, O resplandor primeiro, que abre novas perspectivas para entender a súa relevancia. Cuestión distinta é que a actitude inxustificable de certo individuo con praza honorífica no entramado cultural viveirense tivese tornado imposible en 2011 que a Academia Galega puidese celebrar, como era o seu desexo, os actos do segundo centenario de Pastor Díaz na nosa vila.