Tres colexios do rural de Pontevedra e un da capital de Inglaterra participan nun proxecto educativo cultural co soporte da tecnoloxía
18 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Ponte a Londres. É o nome dun proxecto de intercambio educativo cultural no que participarán tres colexios públicos do rural de Pontevedra e o Instituto Español Cañada Blanch, da capital de Inglaterra. Pola parte galega implicará, ademais dos mestres, a 84 rapaces de 5º e 6º curso de primaria dos CEIP das parroquias de Lérez, Xeve e Campañó.
Xosé Ramón Hermida, coordinador do equipo de normalización e dinamización lingüística (ENDL) do colexio de Parada, en Campañó, comentou onte na presentación da iniciativa que as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e a lingua galega son as liñas básicas deste proxecto, sen esquecer a modernidade «para tentar rachar cos tópicos». «Comunicarse con ingleses en galego, pero non nunha viaxe tradicional, senón a través das novas tecnoloxías, e tentar que os contidos sexan modernos e non folclóricos», dixo graficamente.
O concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez (BNG), incidiu nesa idea e destacou o feito de que os colexios que impulsan a iniciativa sexan públicos. «Neste caso, dámoslle a volta. Son os ingleses os que queren saber galego desde a perspectiva da diversidade do mundo. O obxectivo do intercambio é presentar ao alumnado inglés a lingua e a cultura galegas e para elo os rapaces terán que investigar o seu contorno máis próximo», comentou.
O proxecto arrancará o vindeiro xoves, 23 de xaneiro, ás 11.36 horas. Se nada falla, ese día e a esa hora exacta terá lugar unha videoconferencia múltiple nos colexios de Lérez e de Xeve e no Cañada Blanch de Londres. Os trece estudantes do CEIP de Campañó viaxarán en autobús ata o colexio de Lérez, xa que no seu centro non hai cobertura para poder realizar a videoconferencia. «Conversarán todos no noso idioma», apuntou Xosé Ramón Hermida. «Os rapaces están moi ilusionados e contentos de coñecer xente nova e unha cultura nova no noso idioma a través da vida, da música e da lingua», engadiu este mestre.
Pola súa banda, Luís Losada, coordinador do ENDL do CEIP de Lérez, explicou que están previstas varias sesións presenciais en febreiro, marzo e abril. A primeira será de presentación, con propostas de xogos e elementos de conversa. «A partir de aí terán que buscar documentación e contrastar estilos de vida, reflexionando sobre a cultura e a paisaxe, co soporte da tecnoloxía», suliñou.
Blog e documental
Durante os vindeiros meses a comunicación entre os catro centros farase a través dun blog didáctico e das redes sociais. Ao final elaborarase un documental que dé conta de todo o proceso, un traballo que farán os propios estudantes. A intención é estrenalo en Pontevedra en maio se o centro Cañada Blanch pode vir á cidade. «Fala Londres», un proxecto deste instituto, foi recentemente seleccionado pola Fundación Barrié dentro do seu programa educaBarrié.
Os tres centros do rural de Pontevedra xa realizaran intercambios con anterioridade con outros colexios galegos (Noia, Fonsagrada e Quiroga) e de León (O Bierzo).