Cada ano integran laboralmente a «unhas 2.000 persoas» do colectivo
06 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.No Servizo de Intermediación Laboral (SIL) da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) hai 30.000 persoas inscritas: «20.000 demandan un emprego e as outras 10.000 traballan e aspiran a mellorar», afirma Francisco Abuín, que o coordina. O labor desta entidade foi recoñecido recentemente cos premios Miguel Hernández do Ministerio de Educación e Integra do BBVA.
-¿Como nota Cogami a crise no acceso ao mercado laboral?
-O desemprego entre o noso colectivo triplica o da poboación xeral. Desde o ano 2007, pola crise, notamos un descenso do 20 % en contratacións: moitas empresas non contratan, ou teñen un ERE, ou outros problemas que tamén nos repercuten.
-¿É maior a marxinación por causa da discapacidade?
-A discapacidade pode ser unha vantaxe para o emprego, hai que lle dar visibilidade. Porque as empresas de máis de 50 traballadores están obrigadas a contratar o 2 % de persoas con discapacidade e as administracións a facer unha reserva do 7 % nas convocatorias de emprego público, polo que é unha posibilidade máis a valorar.
-¿Que resultados teñen no SIL?
-Unhas dúas mil persoas conseguen cada ano a inserción laboral: a metade encontran elas mesmas traballo, en boa medida a partir das estratexias que lles ensinamos; e a outra metade aproveitan ofertas que xestiona o SIL directamente.
-¿Que empregos conseguen?
-A maioría son traballos administrativos diversos e tamén para atención ao público, controladores de acceso, limpeza, xardinaría, vixilancia, labores en supermercados... A maioría son ocupacións no sector servizos e en empregos de pouca ou media cualificación.
-¿Dan con moitas portas pechadas?
-Hai nichos de mercado moi complicados de cubrir polo noso colectivo. Por exemplo o das novas tecnoloxías asociadas a estudos universitarios, pois non temos persoas que poidan optar a eses postos. Por iso nos orientamos a outras demandas da empresa ordinaria.
-¿Como é a formación do colectivo inscrito no SIL?
-As persoas da nosa base de datos teñen un déficit formativo moi importante. Un 4 % das inscritas no SIL contan con estudos universitarios; un 20 % algún título de FP ou bacharelato; e o resto, co antigo graduado escolar, ou menos, ou nada. Moitas non fixeron a ESO, pois a maioría teñen máis de 35 anos. Así, temos que lles ofrecer unha formación básica para postos onde sabemos que hai posibilidades de inserción laboral.
-¿Que contratos lles ofrecen?
-Das persoas inseridas este ano, un 5 % dos seus contratos son indefinidos; un 10 % temporais de fomento de emprego; un 1 % autónomos; e o resto por obra ou servizo; e destes últimos sobre a metade teñen unha duración maior a 6 meses.