«O nome é unha homenaxe á faceta menos coñecida do pintor»

C.C.

FIRMAS

O grupo de rock gamberro presenta hoxe en directo no Encontro de Barrantes o seu terceiro disco «Arrock con chícharos»

20 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

? Van cumprir dez anos como formación estable. Naceron en Compostela nos tempos nos que primaba a música hedonista e manteñen como o primeiro día o seu espírito gamberro baseado nun rock acelerado e en letras que por momentos rozan o surrealismo. Como o título do seu terceiro disco, Arrock con chícharos, que esta noite estrean en directo no Encontro de Barrantes.

-Estrearon o disco a comezos do verán. ¿Como está indo esta «xira chíchara»?

-Moi ben. Estamos moi contentos. Cando a rematemos teremos feito sobre vinte concertos, o que non está nada mal.

-Este é o seu terceiro traballo discográfico, ¿como o definiría?

- É un disco de rock and roll ou de punk rock con letras simpáticas, ás veces un pouquiño absurdas, case surrealistas, que segue a estela daqueles primeiros Heredeiros da Crus de hai vinte anos ou da dos pioneiros deste tipo de música en Galicia como foron Siniestro Total, aínda que pensamos que a nosa mistura é bastante particular.

-¿E como presentaría ao grupo?

-Eu diría que somos un grupo que o que fai é divertirse tocando e divertir á xente. Os que veñan ao noso concerto non van saír deprimidos dalí. Non lle imos contar o que xa sabe de que os políticos son malos ou que a crise nos está afogando. Nós cremos que o rock and roll ten que ser unha ventá para escapar da tristura de todos os días e para levantar o ánimo.

-Acaban de estrear tamén un vídeoclip, «Toliños de amor». ¿Que buscan con ese formato?

- Aparte de promocionarnos, claro, tamén intentamos reflectir a filosofía do grupo, de pasalo ben e divertir ao persoal. Polo de agora temos dous vídeos oficiais e intentaremos sacar outro antes de finais de ano.

-Seguro que non llo preguntaron nunca. ¿Por que ese nome?

-Nós, aparte de gustarnos a festa e a broma, tamén somos moi cultos. Así que é a nosa pequena homenaxe a Picasso, xa que pensamos que é un gran descoñecido. Porque a xente sabe del polo tema da pintura, que si, que está moi ben, pero nós queremos reivindicar esa outra faceta que era a súa verdadeira paixón, que era...

-¿E o de «Arrock con chícharos»?

-Iso xurdiu un pouco de casualidade mentres estabamos grabando o disco. Era unha coña que tiñamos entre nós, fíxonos gracia e ao final quedou como o nome do disco.