«O instrumento é un medio, o que importa é amar a música»

redac.carballo@lavoz.ess. g. rial CARBALLO / LA VOZ

FIRMAS

Saúl Canosa Insua.
Saúl Canosa Insua.

Fisterrán criado en Lugo, profesor no Conservatorio de Santiago, toca coa Sinfónica e coa Real Filharmonía

03 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

gentes del finis terrae

Nas vocacións pesa moito o entorno familiar, pero entre os seus antecesores Saúl Canosa Insua (32 anos), clarinetista, só tiña un tío que tocara o saxo. O demais foille vindo xa dende neno. A el, e máis a súa irmá, unha destacada violinista. Ambos colaboran regularmente na Sinfónica de Galicia. E os dous comezaron na arte como en tantos pequenos pobos, grazas a moito esforzo e bos profesores. No seu caso, en Xove-Lugo, a onde foron seus pais, porque a orixe está na Insua de Fisterra, lugar a onde acude regulamente dende neno, aínda que reside en Santiago.

-¿Por que se decidiu polo clarinete?

-A verdade é que eu quería o saxo. Pero, en Xove, co profesor Xan Carballal, crearan unha orquestra de cámara. Foi no 89, das primeiras de Galicia. E suxeríume o clarinete e así comezou todo. Foi unha boa experiencia aquela, entre os 11 e os 16 anos viaxamos moito por Galicia coas actuacións que promovía o Igaem. Había moita motivación, e de aí saíron moitos músicos.

-Todos os nenos optan nas escolas por instrumentos máis «célebres»: guitarras, piano...

-Si, pero clarinetistas tamén había, o que pasa é que ligados sobre todo ás bandas de música. En Galicia hai moita tradición, sobre todo no sur. O de Xove foi un pequeno milagre, crear unha orquestra e non unha banda.

-¿A vocación é algo que nace de pequeno ou vai vindo pouco a pouco?

-Eu creo que o que fai falta é que che guste a música. O instrumento é un medio, o que importa é amar a música. Cando empezas de rapaz a tocar, con 8 ou 9 anos, non tes tan claro iso de decantarte por un ou por outro, e logo, polo motivo que sexa, elixes un. E aí si que xa estás perdido.

-¿Que outros factores fan falta para dedicarse á música?

-O apoio. Teño que resaltar que, se tanto miña irmá coma min podemos vivir da música, foi porque os nosos pais nos apoiaron moitísimo. Iso é moi importante. Aquí non temos esa tradición tan implantada coma noutros países para que os nenos estuden música, non existe ese recoñecemento profesional á figura do músico. Como exemplo, exemplo, estiven recentemente nun concerto en Holanda, e vin que a figura do músico alí ten outra consideración. Ao rematar de tocar, o público viña a falar connosco, con moita estima. É outra cousa. Aquí, como non sexas futbolista ou deportista de elite, nada. Por iso o respaldo é fundamental.

-E o tempo.

-Si, porque a música absorbe moitas horas. Pode que aos instrumentos de corda ou tecla ou corda se lles dediquen máis de práctica. Nós, os de vento, algo menos, pero por cuestións físicas, pola embocadura, tanto tempo déixache a boca feita po. Aínda aí, eu antes empregaba unhas catro ou cinco horas diarias.

-E aínda sacou folgos para licenciarse en Historia. ¿Como foi iso?

-Foron uns anos de moitos estudos. Compaxinaba as dúas carreiras en Santiago cando estudaba o clarinete. Pero no 2001 obtiven a única praza que ofrecía a Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia, e coñecín ao profesor Manuel Juan López, e foi cando decidín que a música era o meu futuro.

saúl canosa insua clarinetista