O día que Belesar arrancou

ALFREDO PARDO CHANTADA

FIRMAS

ARCHIVO DE ALFREDO PARDO

Franco visitou Chantada en setembro de 1963 para inaugurar a central hidroeléctrica

11 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Os movementos de renovación expansionista na terceira etapa económica da ditadura franquista chegan en forma de visita ao Salto de Belesar, co ministro de Industria López Bravo e o comisario do Plan de Desenvolvemento Económico López Rodó. O 4 de xaneiro de 1963 son recibidos polas primeiras autoridades nun percorrido polas obras que durou dúas horas.

Tras unha reunión cos responsables da empresa, deron unha rolda de prensa para indicar que estaban «estudando a instalación de polos de crecemento económico», sinalando aos xornalistas que a riqueza hidráulica proporcionaría «rápido incremento industrial á rexión». Sobre as pésimas infraestructuras nas estradas de Galicia e o Plan de Desenvolvemento segundo informe do Banco Mundial, o comisario López Rodó afirma que «o problema maior de Galicia é máis un problema de iniciativa empresarial que unha tarefa do Goberno».

De Meirás ás dez

O 10 de setembro de 1963 o coche oficial de Franco sae do pazo de Meirás ás dez da mañá. Non é un desprazamento máis. Nesta ocasión os servizos secretos organizaron un dispositivo de seguridade excepcional coa Comandancia de Lugo para un itinerario complicado, con especial vixilancia aos alrededores do Salto de Belesar con centos de gardas civís en puntos estratéxicos e investigación con informes persoais dos obreiros que estarían cerca do ditador, que foron seguidos pola policía militar vintecatro horas antes da inauguración. Terreo hostil para a presa e bo campo de caza para un posible francotirador. O maquis O Piloto polo monte como unha lebre e a garda de Franco coas boinas vermellas, borlas amarelas e metralletas na man con ordes de máxima alerta.

O chamado na clandestinidade dos círculos privados «Paquito o dos pantanos» chega á central ás doce e media acompañado polo ministro de Obras Públicas Jorge Vigón e polo de Mariña, Pedro Nieto. Franco vai inaugurar e mentres as últimas pingas de auga bendita se deslizan entre os dedos do bispo de Lugo, doutor Ona de Echave, continúa a pé co seu séquito, deténdose na explanada de acceso ao Salto onde unha fonte cun monolito reza a lenda: «Cando construímos, non só debemos sentir a nosa utilidade presente. A obra ha de ser tal que mereza o respecto dos nosos sucesores, e ao colocar con alento e traballo perpiaño sobre perpiaño, debemos pensar que algún día os homes poden dicir mentres contemplan a nosa obra: Isto que nos legaron os nosos antecesores tamén está no camiño que segue inexorable a Humanidade cara ao progreso e a verdade».

Logo de ver os planos e fotografías da obra nas súas distintas fases, Franco percorre con paso decidido a coroación da presa e descobre no edificio da subestación a seguinte placa conmemorativa: «Foi posible esta obra, inaugurada por S. E. o Xefe do Estado, nunha hora de paz, de progreso e de ilusión, polo porvir de España. Ela permanecerá como símbolo e exemplo dun inmenso esforzo colectivo ao servizo da comunidade nacional, alta tarefa á que Fenosa se entregou coa plena dedicación de cantos a integran e coa fe que alenta hoxe a todos os españois de boa vontade». Trala lectura, e nun dos principais departamentos da subestación, asinou no libro de ouro.

Foi un electricista de Pantón

Ao saír foi ao mirador a contemplar a paisaxe e subindo ao coche dirixiuse co resto da comitiva oficial á central subterránea, descendendo á sala de excitatrices onde accionou unha falsa panca que puxo a posta en marcha un dos tres grupos. Franco fixo o amago. Detrás do encendido da máquina estaba o electricista de montaxe Celso Enríquez Eireos -nado en Ferreira de Pantón-, que foi o responsable de accionar a chamada bolboreta.

Con tanta intensidade inaugural, Franco diríxese acompañado polo conde de Fenosa, membros do Consello de Administración e o director xerente, á residencia de Belesar a comer ás dúas e media con 350 comensais.

Cortes de luz

Ás sobremesas Barrié da Maza di que «nestes momentos síntome un pouco orgulloso do realizado. Logramos acabar cos cortes de enerxía eléctrica que con tanta frecuencia se producían en Galicia». Ao finalizar el, toma a palabra o Caudillo: «Dúas palabras soamente para saudar a tantos galegos e demais españois aquí reunidos, a quen hei ter a satisfacción neste día de podelos ver e estreitar a súa man. E para felicitar ao presidente e propulsor desta empresa e de tantas outras da rexión e a todos cantos puxeron as súas mans nesta obra grandiosa que, utilizando o aforro rexional e estimulando o seu quefacer e as súas inquietudes, lograron poñer en marcha este complexo eléctrico tan importante e trascendente para a economía da rexión e para a vida de España, non só pola obra en si, senón polo seu efecto multiplicador da riqueza da nación e dos postos de traballo. Moitas grazas a todos e a miña felicitación máis entusiasta aos técnicos creadores deste complexo que hoxe é o orgullo de España. Moitas grazas».

Como colofón final foron moi aplaudidas polo público presente as actuacións do coro ourensán Da Ruada e un grupo folclórico da Coruña. Franco emprende camiño ás catro e media cara ao Novo Portomarín, saíndo baixo palio e chegando ao Pazo de Meirás ás oito da noite. Todo iso capturado en fotogramas dentro de Actualidade Española do NODO número 1080B do 16 de Setembro de 1963.