O exemplo das institucións

La Voz

FIRMAS

En setembro do ano pasado, Galicia xa tiña esgotados os recursos naturais que lle correspondian para todo o ano. Os alimentos que nos podería dar a nosa superficie agrícola, o mar ou o monte. Entre setembro e decembro, vivimos por enriba das nosos posibilidades no que ao uso de recursos se refire. Queimando os aforros das xeneracións vindeiras. Sobreexplotando a nosa terra ou a de países terceiros. Semella por tanto que son tempos de austeridade obrigada, e diso, semella tamén que as administracións públicas están a ser as primeiras víctimas dunha lóxica que as coloca no lado dos derrochadores en lugar de no podio das boas prácticas. Explícome, cunha pregunta: Qué teñen que ver as festas do pobo cos dereitos das mulleres na Índia? O concello de Badalona mercou o ano pasado 27.454 panos para as famosas festas da cidade. Todos eles foran fabricados pola cooperativa Creative Handicrafts de Mumbai (India). Unha organización non lucrativa que da traballo a mulleres marxinadas e afastadas da sociedade. Haberá quen pense que un pano non é nada, pero na Unión Europea, o 16 % de calquera compra ou contratación de bens e servicios está feito por unha administración pública. E esta é unha cantidade importante de cartos dos impostos de todos que debemos esixir que se utilice de forma xusta, solidaria e sustentable. Esixir que forme parte da solución e non do problema.

As compras públicas teñen un enorme poder de contaxio na economía, xa que poden ser o sustento de cooperativas de agricultores ecolóxicos, instaladores de enerxías renovables, tendas de bicicletas e un longuísimo etcétera. Coas súas compras, Universidades, Concellos e Deputacións, contribuen a crear o tecido productivo do país. É preciso polo tanto que cada céntimo sirva para fomentar empresas de economía social e solidaria, empresas de integración e de sectores que contribuan a sustentabilidade. E quizais non o saben, pero compre dicirllo, dende a cidadanía, que queremos que cada céntimo dos nosos impostos sexa para fomentar un ambiente limpo, saudable, alimentos locais, ecolóxicos e de tempada para nos comedores escolares e en residencias e hospitais, para apostar polas enerxías renovables, polo bo traballo, digno e respetuoso aquí e nos países do sur.