«O de Santiago foi unha traxedia», di o autor, que visitará Zas o vindeiro venres
28 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Estaba previsto que o escritor pontevedrés Xosé Neira Vilas (Gres-Vila de Cruces, 1928) inaugurase hoxe en Zas a exposición Querido Balbino: Memorias dun neno labrego, pero finalmente, e debido á traxedia ferroviaria de Santiago, a súa conferencia suspendeuse, aínda que a mostra poderá verse ao longo de toda a semana. «O que aconteceu en Santiago foi algo terrible, horrible, unha tremenda desgraza», di o autor do libro máis editado, traducido e lido en toda a historia da literatura galega. O escritor, que di sentirse moi querido na Costa da Morte, visitará Zas o vindeiro venres (20.00 horas) e en agosto abrirá a feira do libro de Cee.
-¿Non lle resulta sorprendente que «Memorias dun neno labrego» siga sendo un dos libros máis lidos e vendidos?
-É moi curioso que os rapaces de hoxe sigan a ler este libro que escribín hai 52 anos. Cando dou charlas aos colexios sorpréndeme que os cativos veñan co libro para que llo dedique, e nas feiras do libro, aínda que presente novos traballos, pasa o mesmo. Firmo Memorias dun neno labrego en todas partes. Ata o de agora lévanse editado máis de 700.000 exemplares e seguen a facerse traducións. Agora o están traducindo ao esperanto e ao xaponés.
-¿Imaxinaba algo así cando o escribía hai 52 anos?
-Non, en absoluto. Cando eu escribín o libro, alá no segundo semestre de 1960, nun café Bos Aires, nin sequera pensaba na Galicia territorial, senón nos galegos de Bos Aires. Pero transcendeu a Galicia e moitos investigadores de todo el mundo empezaron a facer traballos sobre el.
-Moitos veciños da Costa da Morte que hoxe xa non son tan nenos recoñécense en Balbino.
-Balbino podería ser un neno da Costa da Morte, pero tamén un neno de calquera outro lugar porque é un rapaz universal. É un neno pensado e vivido no interior de Galicia, na miña comarca do Deza, pero podería ser un neno de calquera parte de Galicia, porque a vida dos rapaces no rural era máis ou menos igual en todas partes, incluso fóra de Galicia. Por iso incluso os nenos de Suecia e Canadá daquela época séntense identificados con Balbino.
-¿Non ten a sensación de que «Memorias dun neno labrego» eclipsou a todas a súas demais obras?
- Ás veces si (ri). Teño obras moito máis elaboradas ás que lles teño moito aprecio, como Querido Tomás. E outra novela que tamén quero moito e que é recente porque só ten dous anos, é Esperando ao leiteiro. É un libro con moito humor, unha narración en segunda persoa, que é algo moi pouco frecuente en galego e en castelán. É a historia dun rapaz de 19 anos que emigra a Bos Aires e que, entre os consellos do pai, os choros da nai e os bicos dos irmáns, perde o coche de liña e ten que ir ata Santiago no coche do leiteiro. E mentres espera, recorda toda a súa vida.
-Os seus libros sempre están moi pegados á realidade.
-Si, sempre falo de costumes, de festas, de lugares reais e de cousas que eu vivín ou coñecín. Detrás das miñas historias sempre está reflectida a realidade.
-Na Costa da Morte quérenlle moito.
-Si, síntome moi querido. No Couto, en Malpica, en Ponteceso, en Cabana, en Carballo... Teño moi bos amigos na comarca e sempre me tratan moi ben. En Malpica, por exemplo, teño un gran amigo, Xosé Barizo, que me levou ás illas Sisargas con Castelao.
-¿Con Castelao?
-(Ri) Castelao é como se chama o barco de Xosé Barizo e a él tamén lle chaman Castelao. En Corme tamén tiven grandes amigos, como o capitán Mosqueira Manso, ao que tratei moito en Bos Aires. Outro dos meus grandes amigos é Xosé María Varela.
xosé neira vilas escritor