A parroquia padronesa volveu a celebrar a tradicional poxa de animais cun prezo de saída de cinco euros
12 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Como cada 11 de xullo, a parroquia de Herbón (Padrón), celebrou a festividade de San Bieito con misas a longo de todo o día na igrexa do convento franciscano e coa tradicional poxa de pitos, celebrada tralo acto solemne do mediodía.
A peregrinación de devotos a Herbón durou de oito a oito, aínda que moitos veciños da parroquia e dos arredores optaron por ir, coma sempre, á misa das doce porque ninguén quería perderse a poxa de pitos que se celebra trala procesión relixiosa.
O certo é que este ano houbo menos pitos e menos público na poxa, pero esta resultou igual de animada que outras veces, polo que a popular poxa non decepcionou e volveu a poñer de manifesto a devoción ao San Bieito de Herbón. Os fieis levaron os pitos ao convento onte mesmo ou o día de antes a modo de ofrenda ao santo para pedirlle que lles cure algún mal, en moitos casos verrugas.
Estes pitos, polos e galos son puxados, a miúdo máis dunha vez, sendo así nunha peculiar forma de dar esmorga a San Bieito por parte dos fieis.
Por segundo ano foi o veciño de Herbón Daniel Alexandre Vecino Martínez, máis coñecido como «Pinto», o encargado de poñer voz a poxa. Subido unha mesa de pedra, colleu o primeiro pito e empezou a poxa cun prezo de saída de 5 euros. Esa cantidade foi subindo ata alcanzar os 23 euros. Non obstante, como aconteceu despois con outros polos, o que deu a cantidade máis alta non quixo quedarse co pito que foi subhastado unha segunda vez, unha terceira... E así ata a sexta ocasión, cando finalmente un devoto o levou para a casa.
Entre tres e 25 euros
Tres euros foi o prezo máis baixo de partida das pezas e arredor de 25 o máis alto, todo elo ben recollido nun caderno por un frade do convento. Entre unha poxa e outra, o «Pinto» botáballe un grolo de cervexa fresca mentres varios peregrinos tiraban fotografías para ter un recordo da escena, digna dunha película, na que rosquilleiras, gaiteiros, o pulpeiro e o churreiro animaron os acceso ao convento e a igrexa franciscana de Padrón.
en directo romaría no convento franciscano