«Temos lista de espera de 3 anos»

Nacho Mirás Fole

FIRMAS

monica ferreirós

Catro tráileres e 26 persoas rodan por Galicia facendo que a festa non pare

01 jul 2013 . Actualizado a las 10:37 h.

A orquestra Panorama ten o calendario completo e o seu caché é, seguramente, o máis alto de todas as agrupacións verbeneiras do panorama galaico. Lito Garrido Dopazo (Sanxenxo, 1968) lidera ese fenómeno portátil. A Panorama non é unha formación calquera; coas súas 26 persoas, catro tráileres, un microbús e 60.000 vatios de son, é a festa rachada sobre rodas, para ben ou non tanto, depende de quen escoite.

-¿Quen dixo crise, Lito?

-No verán estamos a tope, coma sempre. No inverno tampouco notamos nada. Nós notamos a crise en que tocamos máis veces sós ou con dúos ou grupos pequenos. Non é iso de xuntar dúas grandes orquestras.

-¿E xa non vai haber piques coa París de Noia logo?

-Haberá, pero menos; antes era cinco ou seis veces cada mes. En todo xuño non coincidimos ningunha e en xullo unha vez. Botarémonos de menos.

-¿Baixaron o caché?

-Non. Tócase menos os domingos, era impensable que unha orquestra tivera un domingo libre no verán.

-Teñen moitos seareiros, pero tamén detractores...

-Somos conscientes. Cando decidimos cambiar de estilo e volver á xuventude sabiamos que moita xente maior diría: «Moito chim-pum, chim-pum». Agora nunha festa xa non se pode botar unha balada, e a xente maior tampouco a quere, non pense. Pero o impacto mediático que ten a orquestra é enorme, estás máis na boca da xente e ten que haber de todo.

-¿Non se lle vai un pouco a pinza cos tacos en directo? Os «arrecarallos» de Lito son famosos...

-Con un micro na man sempre corre un o risco de equivocarse. Eu engánome moito, pero procuro estar pendente de se hai rapaces diante ou non. Un arrecarallo é moi cercano ao público. Ao mellor sería máis doado cantar o tema e quedar caladiño, a miña voz aguantaría máis. Pero non son así.

-¿Aínda existe a canción do verán ou iso morreu?

-Morreu o de que haxa unha canción soa. Antes viña Georgie Dann e era El negro no puede, El chiringuito... Hoxe pídenche catro ou cinco. Agora, calquera cousa que quite Juan Magán é un éxito. Ou a nova versión de El tiburón ou A lo loco, de DKuba.

-Líbreme Deus de querer que se retire, pero, co ritmo que levan, ¿canto aguanta o corpo?

-Teño claro que, cando deixe de estar arriba, no escenario, seguirei dirixindo a orquestra desde abaixo. Pero non penso levar o corpo ao límite.

-¿E se quero contratalos para unha festa en agosto?

-Para agosto temos lista de espera de tres e catro anos.

nacho.miras@lavoz.es