Despois dunha viaxe ao deserto sahariano comezou a involucrarse no colectivo
30 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.belén garcía gonzález delegada de solidariedade co pobo saharaui en lalín
«Tratamos de sufragar con iniciativas os gastos de desprazamento»
A súa vida deu un xiro no ano 2006. Foi cando viaxou aos campamentos de refuxiados de Tinduf. Belén García González (Moneixas-Lalín, 1980) sempre quixo pertencer a unha oenegé e axudar a aquel que o precisara. A realidade da vida nos campamentos fixo que lle cambiara a súa percepción sobre o Sáhara.
-Realmente puiden, nesa viaxe que fixen cun amigo, ollar a realidade e coñecer a situación saharaui. Tiven claro que quería axudar aí e, ao ter xa contacto coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui que foi a través da que viaxamos, xa decidín comezar a traballar e a involucrarme de cheo en todo o que tivera que ver cos refuxiados e cos cativos que viven nos campamentos.
-Volta a Lalín e convértese en delegada da asociación. Mesmo nos comezos atendía a otros concellos.
-Ao principio, no ano 2006, botei unha man en Silleda e levei os proxectos de Vila de Cruces e de Dozón. No caso de Rodeiro alí estaba Camilo facendo un magnífico traballo ao igual que Niurka en Agolada, que continúa.
-¿A primeira acollida foi nese mesmo ano?
-Foi e produciuse por pura casualidade. Foi unha cativa que se quedou sen familia. Viaxara por vez primeira a Italia e logo veu a Galicia pero por cuestións de axendas dos que a ían a acoller ao longo do verán quedóuse sen familia e estivo na miña. A experiencia foi fermosa e gratificante. Foi un acollemento en familia; estivemos involucrados todos, dende meus pais a unha prima miña que compartiron o seu tempo tamén coa cativa. A partires de aí, todos os verán, pasei a acoller a algún cativo saharaui.
-Entre o 2006 e o 2013, ¿nótase un descenso nas acollidas?
-Nótase, e moito. Lémbrome que houbo un ano en que chegaron a Galicia máis de 800 cativos dos campamentos para pasaren aquí o verán e este ano só virán 322 pequenos.
-¿Detrás desa merma está a mala situación económica?
-Penso que a falla de compromiso merma a acollida de nenos do Sáhara no verán. Claro que tamén detrás están motivos económicos pero, ao meu entender, prima a carencia de compromiso. Están aí as vacacións e pensas en descansar... Logo se traballas, e careces de horas para adicarlle aos teus fillos e estás obrigado a buscarlles unha opción veraniega para eles, non estás en condicións de traer un neno máis para a túa casa ao non dispor de tempo suficiente para atendelo axeitadamente.
-¿Canto custa a viaxe dun neno a Galicia?
-Unha pasaxe de ida e volta, con seguros de responsabilidade civil custa na actualidade 890 euros. Nós o que facemos dende as distintas delegacións da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui que existen na comunidade, e dende o propio colectivo galego, é artellar eventos ao longo do ano encamiñados a xuntar fondos para pagar os billetes de avión dos nenos.
-¿Cales foron as iniciativas que desenvolveron?
-Foi un ano no que fixemos recollida de roupa, mercadillos, levamos a cabo unha venda de calendarios no Nadal coa que xuntamos 400 euros -que case é a metade dun billete-, houbo carreiras solidarias en colexios e institutos da zona e dende a delegación de Silleda se organizaron os concertos solidarios nos que houbo música, monólogos e contacontos. O que tratamos é de sufragar con distintas iniciativas desta índole os gastos de desprazamento dos rapaces para que as familias acolledoras só se teñan que ocupar da súa manutención e do seu benestar nos meses de verán que están con nós aquí.