As consecuencias dunha política errática

Adolfo de Abel Vilela

FIRMAS

OSCAR CELA

O

fallo do Tribunal Supremo sobre a devolución aos herdeiros de Álvaro Gil Varela, era de esperar. Noutro sentido sería manifestamente inxusto. O principal responsable, Francisco Cacharro Pardo, está na súa casa e non creo que ninguén lle pida responsabilidades. Quen perde con esta sentenza non é a Cultura, pois parece que a colección irá para outro museo, ata que poida permanecer aquí, pero si pode perder a cidade, o seu patrimonio cultural e especialmente o Museo Provincial, que rebaixa a súa calidade e prexudica o seu prestixio como institución. O sucedido é consecuencia da política desenvolvida por Cacharro que aínda que lle foi beneficiosa e lle mantivo no poder durante 20 anos co aplauso dos seus correlixionarios, non o foi para o interese xeral e a defensa do público. Agora demóstrase que é prexudicial para a sociedade confundir o público co privado, gobernando a Deputación coma se fose da súa propiedade, tentación na que tamén adoitan caer algúns políticos e funcionarios.

Referíndonos ao que afecta ao Museo Provincial, as súas decisións foron de erro en erro. Primeiro manténdoo pechado durante 5 anos cunhas obras de acondicionamento que se podían facer nun. Despois ignorando a presenza dun técnico do Corpo de Conservadores pagado polo Estado, nomeando unha dirección e subdirección non técnica. Confiada a dirección a ese técnico, destituíuno, perdendo a Deputación o preito a que deu lugar ese despedimento. Continuaron os erros co nomeamento dunha dirección submisa ás directrices de quen a nomeou, que deron lugar a despropósitos como a creación dun museo dentro doutro museo, na ampliación destinada a un fin distinto ao proxectado, coa afortunadamente desaparecida Colección Nelson Zumel.

Os despropósitos continuaron negando a propiedade dos depósitos aos herdeiros do que fora mecenas do Museo, Álvaro Gil Varela, actitude que cabe cualificar de claro intento de latrocinio. A compra do torques de Burela por Álvaro Gil ao ourive Regüela, está contada paso a paso por José Trapero Pardo no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos. Pero os sucesores políticos de Cacharro, neste caso do PSOE e do BNG, seguiron na práctica a súa mesma senda, dando indirectamente por boa a súa actuación ao recorrer ante o Supremo as sentenzas favorables aos reclamantes, posiblemente coa intención de gañar tempo, atrasar o pago das costas e as posibles indemnizacións e chegar a un acordo. Con iso o que se conseguiu é aumentar o gasto e predispoñer desfavorablemente a unha solución á familia Gil Arias, de cuxa xenerosidade e comprensión co pobo de Lugo, alleo a esta historia aínda que indirectamente responsable, debería ter en conta que os políticos e as súas políticas son un mal que dura menos de cen anos, que pasan, que o que permanece é o recoñecemento anónimo dunha minoría que aprecie o xesto que no seu día tivo o seu antecesor ao facer os depósitos no Museo Provincial.

Á Deputación de Lugo correspóndelle recoñecer moral e materialmente os prexuízos causados á familia e a esta intentar un acordo favorable para as dúas partes, como seguramente quixese o ilustre mecenas lucense.