Expón as súas embarcacións no Club Náutico de Ribeira
11 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Cando un ama o traballo con todas as súas forzas, a xubilación pode ser unha etapa dura de levar. Encher as horas mortas ás veces preséntase coma un reto, pero para iso está a imaxinación. José Luis Lomba Martínez soubo moi ben como empregar o tempo libre. Foi mariñeiro e pasou décadas a bordo dun barco. Cando chegou a hora de dedicarse aos seus non quixo esquecerse do mar. Así comezou a construír maquetas de embarcacións que parecen pezas de museo. Un feixe delas están expostas no Club Náutico de Ribeira, onde causan gran expectación.
-¿Cando comezou esta afección pola maquetería?
-Foi cando me retirei. Pasei corenta anos no mar e sempre me gustou traballar en contacto con el. Un día púxenme mans á obra e aínda que o resultado non sempre era o esperado non desistín. As primeiras maquetas non me saíron moi ben, pero fun mellorando co tempo.
-¿Quen o convenceu para mostrar ao mundo as súas creacións?
-Meu fillo, que é directivo do Club Náutico de Ribeira. El cargou no coche as catorce embarcacións que agora poden verse nestas instalacións. Non foi unha tarefa doada.
-¿Cantas fixo neste tempo?
-Sobre trinta. Aínda que non todas as pezas son perfectas, teñen para min un gran valor sentimental. Vendín algunhas.
-¿Qué prezo pode acadar unha destas pezas?
-Ata 170 euros, dependendo da maqueta.
-¿Cantas horas dedica a este entretemento?
-Moitas, dedícolle case todo o día. Tamén aos meus netos. Pero botaba de menos o mar e por iso comecei a construír barcos.
-¿Cal é a súa peza preferida?
-Unha que imita á Perla Negra, o barco capitaneado por Jack Sparrow na película Piratas del Caribe. Fíxena inspirándome nunha fotografía.
-¿Recibiu algún tipo de formación antes de comezar afacer as maquetas?
-Non, foi por iniciativa propia. Hai anos coñecín a unha muller, emigrante en Suíza, que tiña tres planos de barcos de vela de 1700 e 1800. Púxenme a construílos e dous deles están agora na mostra do Club Náutico.
-¿Ten algún bosquexo no pensamento?
-Encantaríame construír o Juan Sebastián Elcano, pero as pezas son moi caras.
-¿Ten un taller na casa no que traballar?
-Non, teño todo ciscado, ás veces busco as ferramentas por toda a casa e non hai maneira de atopalas.
-¿Teñen os seus netos esta mesma paixón?
-Non lle deixo xogar moito coas maquetas, poderíanse estragar.