«O exercicio 2014 recuperará o plan cultural para os concellos»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

Fernández rexeita as críticas ao nomeamento e a vencellalo co ERE

19 may 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Dende o pasado 25 de xaneiro César Fernández (Ribadavia, 1979) exerce como asesor cultural da Deputación de Ourense, un cargo de nova creación promovido polo actual presidente da institución, José Manuel Baltar Blanco. Licenciado en Filosofía, está a preparar a súa tese de doutoramento ao tempo que cursa o terceiro curso no grao de Dereito, é concelleiro e portavoz do PP en Ribadavia.

-A decisión de contar cun asesor cultural en pleno expedente de despido colectivo non foi ben acollida ¿cre que se xustifica?

-Son cuestións totalmente diferentes que non se deben mesturar. Os asesores son persoal eventual vencellados directamente á figura do presidente e que cesan con el. Nada que ver co expedente do que vostede fala, que entra dentro dunha decisión estratéxica de redimensionar a institución. Repito, non son cousas comparables.

-¿Cal é o seu cometido?

-Servir de nexo entre o presidente e os diferentes centros culturais que temos, coordenar a relación entre os mesmos e liberar a axenda do presidente no que se refiere a xuntanzas con asociacións culturais, colectivos e outras institucións. E coordenar a política cultural da Deputación.

-¿Con cantos centros culturais conta o organismo?

-Están o Centro Cultural Marcos Valcárcel, o Teatro Principal, o centro de cultura popular Xaquín Lorenzo, o obradoiro de instrumentos tradicionais, a Escola de Gaitas da Deputación, a Escola de Artes e Oficios, o pazo de Vilamarín e a bibilioteca provincial.

-¿Xa ten proxectos en carteira para estas institucións ás que fai referencia?

-Na actualidade estamos traballando no plan cultural para o exercicio 2014 e vai haber novidades en política cultural da Deputación.

-¿En que consiste o plan? ¿e as novidades?

-Non é o momento de avanzalas porque estamos ultimando proxectos. O plan cultural recuperará a iniciativa de poñer a disposición dos concellos actuacións de bandas de música, de gaitas, folclore e outras propostas. Nos dous últimos anos non se fixo pero vaise recuperar no 2014.

-Esa liña de actuacións foi criticada no seu día por populista e por criterios partidistas á hora de conceder actividades.

-Temos que traballar con concellos pequenos que, en moitos casos, non poden acceder a este tipo de actuacións por iso se fai este plan. Daquela non é populismo, é atender unha necesidade. Os criterios de concesión serán claros e sen partidismo.

-¿Daquela non se contemplan proxectos culturais de relevancia?

-Este plan cultural só se refire a este tipo de actividades. Logo, obviamente, traballamos noutros proxectos ou iniciativas de maior proxección aínda que no marco no que estamos, que non é o mellor dos posibles. Hai que lembrar que a Deputación viu recortado o seu presuposto en 22 millóns de euros nos últimos anos.

-Presentou hai varias semanas as axudas a Ribadavia ¿non é unha utilización partidista do cargo?

-Non me consta que houbera queixas ao respecto e non hai tal uso partidista. A Festa da Istoria ten unha fundación propia e a axuda diuselle como a outros colectivos que a solicitan e o mesmo pasou coa Feira do Viño. E no caso da MIT foi o propio alcalde quen nos pediu axuda para a Mostra de Teatro. Que, por certo, non deixa de ser curioso que o alcalde nos demande apoio para a MIT, se lle conceda e o portavoz do PSOE na Deputación, e concelleiro en Ribadavia, vote en contra desta subvención na entidade provincial.

-¿Canto lle concederon á Mostra de Teatro de Ribadavia?

-Pasamos de 8.000 a 15.000 euros, que é un 87,5% máis. A MIT é unha actividade de recoñecido prestixio internacional e consideramos que hai que potenciala.