«O importante é gozar daquilo que facemos; todo o demais, chega só»

BEA BUGALHO

FIRMAS

A súa carreira deportiva de primeiro nivel, levouno por todo o mundo

26 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Canto lle doeu á súa nai ter que deixar marchar aquel neno. Cantas bágoas ten pingado á volta, logo de despedilo con bicos en Compostela subindo ao tren que o afastaba dela. Sabía que era unha «emigración distinta» e tiña a esperanza de que fose proveitosa e que pagaba a pena. Aínda lle escorrega pena salgada polas meixelas.

-«Adiós ríos, adiós fontes...». Un bo día con 15 anos mudas o Coroño polo Carrión e, agora con 21, polo Douro. O elemento auga é imprescindíbel na túa vida?

-Encántame todo o relacionado co mar e a sensación de liberdade que este transmite. Polo tanto... supoño que si, aínda que sexa na distancia, sempre presumo de ser dunha pequena vila barbanzá nas Rías Baixas chamada Boiro e de que teño a praia moi preto da casa.

-«Deixo a casa onde nacín...». O tempo ao berce de Boiro é de visita, breve. Suficiente para matar a morriña?

-Suficiente para matar as ganas a curto prazo. Cando teño vacacións acostumo ter os días moi contados. Só teño o tempo xusto para estar coa familia e ver as amizades de sempre. Trato de aproveitalo o mellor que podo.

-«Por un mundo que non vin?». Comezan as viaxes, a Europa sobre todo: a praza de San Marcos, o Coliseum de Roma... Que transmiten desde o seu carón?

-Quen me dera ter máis tempo para poder disfrutar de todos aqueles lugares nos que estiven para poder coñecelos mellor. Pero de todos os xeitos, merece a pena poder contemplalos en persoa. Unha das imaxes que máis me impresionou foi a do Cristo do Corcovado, en Río de Janeiro, simplemente... impresionante.

-«Prados, ríos, arboredas...». Avións, autobuses, miles de quilómetros de voos e estradas van facendo callo. Como se levan estas horas ?

-Cadaquén como mellor pode e sabe. Libros de lectura, durmir, música, charlas cos compañeiros de equipo, xogos de naipes... Despois de tantas longas viaxes, interminábeis quilometraxes e incalculábeis horas, rematas por atopar a forma de facelas máis amenas.

-«Amoriñas das silveiras...». Como vive un rapaz de aldea o soño da alta competición?

-Pois como o que é. Traballo, disciplina, sacrificio, entrega e, sobre todo, moito esforzo. O mellor de todo é a satisfacción persoal. Ver a túa familia e os amigos orgullosos de ti e como despois de tantas horas de sangue, suor e bágoas ves recompensado o teu esforzo e consegues algo que moitos soñan alcanzar. Pero todo ten o seu prezo e manterse no alto nivel implica moitas cousas máis. O importante non é só chegar, senón manterse aí ao longo dos anos.

-«Arboriños que prantei...». Que che deu até agora o volei e que lle pides no futuro?

-Desde grandes amizades, innumerábeis viaxes, competir ao máximo nivel contra os mellores da miña categoría, coñecer os mellores xogadores de España deste deporte... até aprender a convivir, traballar en grupo e a disciplina que implica estar nun equipo, así como a madurar co paso do tempo medrando como persoa primeiro e como xogador.

-«Deixo amigos por estraños...». E ese director de orquestra que ensina dun xeito moi distinto ao que estabas acostumado, tamén imprime carácter?

-Ao longo destes anos tiven moitos adestradores e cada un é un mundo en si mesmo. Cada un ten as súas estratexias de adestramento e xestión do equipo pero, sen dúbida ningunha, tiven a sorte de ter tratado con grandes persoas que aman este deporte e se deixan a pel por ensinar e transmitir os coñecementos que aprenderon ao longo dos anos. Sen ir máis lonxe, este mesmo ano comecei a adestrar un grupo de rapaces infantís, e de contado collinlle o gusto a iso de «levar a batuta».

-«Miña casiña, meu lar!» Familia, amigos, sentimentos... Como levas todo isto?

-Recoñezo que mellor que hai uns anos. Cando levas xa un certo tempo fóra -no meu caso é o sexto ano- acabas afacéndote e agardando que chegue «a próxima» para volver estar cos teus. Iso si, axuda ser consciente de todo o que tes, e tratas de aproveitalo e pasalo ben, ao máximo.

-«Camiñante, non hai camiño...» -escribía Machado e cantaba Serrat-. Aspiras a deixar pegada?

-Todo o mundo deixa pegada dalgunha forma alá por onde vai. Eu espero estar facéndoo ben e que así siga sendo durante moito tempo. O importante é gozar daquilo que facemos; todo o demais, chega só.

-«Vou camiño Soria, ti cara a onde vas...»?, popularizou Gabinete Caligari. Tamén o lembran na túa casa cando te visitan?

-Recibo a visita de amigos de cando en vez pero, sobre todo a de meu pai quen, a miúdo, fai que os 700 quilómetros que nos separan parezan menos dos que son. Soria ten algo que fai que todo o mundo se namore dela.

-«¡Adiós groria! ¡Adiós contento!??. Cando perdes unha final?

-Pois perdín algunhas e obviamente non me gusta. Son moi competitivo en todo o que fago e, ás veces, cústame algún que outro cabreo ou xornada malhumorada pero, como se acostuma dicir... «para xogar unha final, primeiro hai que chegar a ela».

ILUSTRACIÓN LEANDRO