Con frecuencia as persoas máis discretas, esquivas e de aspecto máis insignificante, son as que viven as paixóns máis intensas e experimentan as emocións máis tormentosas. Coma o caracol.
Desde que coñezo a portentosa vida do caracol non os vexo do mesmo xeito que antes. Nin a eles, nin as persoas discretas, esquivas e de aspecto insignificante.
O simpático caracol da canción infantil é un gasterópodo oriúndo das rexións húmidas do sur de Europa e do norte de África. Hai 2000 anos foi introducido en Inglaterra polos romanos e hai 500 anos en Sudamérica polos colonizadores españois e portugueses. Hoxe é unha especie cosmopolita considerada unha praga para os cultivos en Latinoamérica onde prolifera pola ausencia de depredadores.
O caracol é un animal de hábitos nocturnos e crepusculares, aínda que tamén sae durante o día para alimentarse, mais só mentres chove ou cando hai moita humidade no ambiente. Móvese moi pouco, desprazándose a unha velocidade máxima de 30 metros por hora. Nunca ocupa máis dun minuto en cada desprazamento, porque ten moitos depredadores, como aves, mamíferos e réptiles, que poden capturalo mentres se despraza.
Na súa testa destacan dous longos cornos carnosos dotados dun ollo na punta que retrae cando entra en contacto con algún obxecto. Son uns ollos tan miopes que teñen un alcance menor de 50 cm e apenas poden percibir as formas das plantas e as pedras. O caracol non constrúe o seu mundo con imaxes senón cos olores e texturas que capta cos dous pequenos palpos que ten baixo os cornos.
Reprodución sorprendente
O xeito de reprodución do caracol é un dos máis sorprendentes do reino animal. Para comezar hai que dicir que é hermafrodita: cada individuo ten os dous sexos, aínda que manifesta o seu carácter masculino ou feminino en distintas épocas do ano.
En abril todos os caracois son machos. Os seus testículos están activos e producen espermatozoides. Cando se encontran dous caracois, entréganse a unha danza lúbrica feita de fregas cos seus viscosos pés e interminables aloumiños cos seus palpos.
Cando están excitados dabondo, fan emerxer os dardos calcarios que teñen á dereita da cabeza cos que se pinchan mutuamente. Con estas delicadas aguilloadas incrementan a excitación sexual e comezan a copular. Cada caracol recibe espermatozoides do seu compañeiro e gárdaos nunha bolsa que ten a un lado da cloaca, antes de separárense para non verse nunca máis.
Dúas semanas máis tarde, todos os caracois se transforman en femias: os seus ovarios entran en funcionamento, producen entre 80 e 100 óvulos e verten sobre eles os espermatozoides que tiñan gardados para que se produza a fecundación. Finalmente, fan un burato na terra húmida e depositan nel os ovos.
Máis aló dos seus hábitos sexuais, este estraño animal non deixa de sorprendernos: só ten un pulmón co que respira coma nós pero o seu sangue é verde porque contén cobre en vez de ferro. Carece de mandíbulas pero posúe unha especie de lingua áspera, como a lima dun carpinteiro, coa que rilla as plantas tenras das que se alimenta.
Pero a pesar das súas extravagancias, o caracol é un animal de dereitas. A súa cuncha está enrolada cara á dereita, na dirección que marcan as agullas do reloxo... e non vou facer grazas sobre este feito.
En abril todos os caracois son machos, e dúas semanas despois de copular pasan a ser femias