O día 7 de abril Celanova celebrará un homenaxe ao seu copárroco Benito Gómez González (Sanguñedo, Verea, 1937) polas vodas de ouro sacerdotais. Foi o bispo Temiño quen o ordenou crego no 1962 xunto a outros 20 seminaristas. Hoxe en activo quedan catro. Seus pais querían que estudara e foi de neno ao Seminario Menor. Co tempo, sintonizou e estudou para crego. Foi enviado a San Xoán de Paradela, a Santa María de Rabal, en Castro Caldelas e Drados e despois a Nigueiroá, en Bande, Desde 1988 está en Celanova.
-Que lle parece o que lle están argallando os veciños?
-Non o esperaba, quedaría máis tranquilo sen homenaxe pero hai que agradecelo.
-En Celanova véselle feliz.
-É unha parroquia agradecida, especial onde hai unha resposta boa da xente. Tamén organizamos moitas actividades.
-A súa carreira vai parella ao Vaticano II. Como cambiou a Igrexa nestes anos?
-Moito. Xoán XXIII deulle outro aire, diálogo. A Igrexa ten que saír fora e dialogar, estar próxima. A min a actividade que máis satisfacción me deu foi o diálogo. O cura non pode dicir que solo el ten a verdade. Hai que camiñar, como di o papa. Ir coa sociedade, ofrecerlle os valores do evanxeo, un estilo de vida. Hai que acompañar, abrirse ás culturas, inda que tiñamos que abrirnos máis.
-Pasou pola docencia e pola capelanía hospitalaria.
-No 1988 fun delegado de ensino diocesano e visitei todos os colexios. Foron tempos de problemas. Tamén fun capelán no hospital. Foi unha estanza dura pero gratificante. Canta xente sen ser da familia recordas e dis pero de que me queixo eu. Pensaban que lles ía coa extrema unción cando lles facía compañía para falar con eles. O enfermo é agradecido se lle ofreces axuda espiritual ou se charlas con el. Eu sempre lles dicía que se molestaba, marchaba.
benito gómez copárroco de celanova