Pondal e a «meiga cibdá» da Coruña

luis giadás PATRÓN DA FUNDACIÓN PONDAL

FIRMAS

O bardo, faleceu o 8 de marzo de 1917 na capital da provincia, cidade na que pasou longas tempadas da súa vida

08 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Ás doce e media da mañá do 8 de marzo de 1917, no hotel La Luguesa do bulevar coruñés de Juana de Vega, falecía Eduardo María González-Pondal Abente, o Bardo de Bergantiños. Levaba xa tres anos de penosa enfermidade e estaba só, orfo de afectos familiares, coa única compaña dunha irmá da Caridade, que non se separara nin de día nin de noite do ilustre enfermo. Xa dende cinco anos atrás apenas saía á rúa: «¿Para que?, teño enfronte ao Orzán, ao mar. El arrólame, consólame e fortifica o meu espírito. E estou ben así», argumentaba el.

O 2 de febreiro do ano anterior redactara A derradeira voluntade, pedindo ser amortallado co «saial de San Francisco, / cinxido, humilde, sinxelo, / que anque humilde non nacín, / humilde repousar quero». Así será e, como tamén puntualiza este poema: «Se non for na Ponte Ceso, / sepultade-me na Cruña, / nesta garrida cidade / que mil belezas aduna, / a cabo do insigne Curros, / xa que del i a miña musa / a fala de Breogán / fixeron nobre e robusta: / eu quero xacer de par / de tan nobre sepultura».

De certo, Eduardo pasara longas tempadas da súa vida na cidade herculina, liderando, xunto con Murguía, as reunións eruditas da librería Regional, de Uxío Carré Aldao, mercada esta na imprenta de Andrés Martínez Salazar, cronista da Coruña e amigo íntimo de Pondal. Polo tanto, La Regional ubicaríase primeiro no número 20 da rúa Real (alí onde o neno Pablo Picasso expuxese a súa obra primeiriza), e, nela, imprimiríase unha versión da Campana d´Anllóns.

En 1893, estas reunións na trastenda da Regional serían alcumadas retranqueiramente polo catedrático do Instituto coruñés Leopoldo Pedreira como Cova Céltica, denominación que acollerán con orgullo os contertulios da mesma. Xa a finais do século XIX, a Librería Regional trasládase a Rego d´Auga, no mesmo local onde, o 18 de maio de 1916, xa sé da Real Academia Galega, se fundaría a primeira Irmandá de Amigos da Fala.

Pondal atópase na Coruña, polo menos en abril de 1863, cando xa alentaba a Murguía na realización da monumental Historia de Galicia. Logo pasará unha longa tempada en Compostela, de 1872 a 1885, pretendendo sacar o título de doutor, acadando só o de? acredor («Debo en el Casino las mensualidades de septiembre y octubre de 1873, por juegos de billar, café y refrescos»), véndose obrigado, en novembro daquel mesmo ano de 1873, a vender a súa parte no alfolí do sal que a familia tiña en Laxe, na que sería vivenda de Isidro Parga Pondal. Deste xeito -e con grande alivio para a súa familia-, Eduardo deixa Santiago, a mediados de 1885, para instalarse na Coruña. Ao ano seguinte, o seu amigo Martínez Salazar consegue extirparlle o seu poemario Queixume dos pinos.

Moitas residencias

Entre outras moitas residencias deste «corvo errante» estará a hospedaxe da larachesa Manuela, sobriña do bañeiro Puga de Carballo, na rúa San Andrés, a 12 reais diarios, prezo tan barato que, como dirá o poeta, «non se ve fai tempo na Coruña».

Devoraba os libros da biblioteca da Tertulia de La Confianza («todo gratis», subliñará el, se cadra para tranquilizar aos seus irmáns e financiadores, xa que conservamos, do ano 1887, recibos por sete pesetas de pago mensual a esta entidade, a sociedade cultural máis veterana da época, radicada na rúa Real) e frecuenta a administración de lotería de Federico Minch, na rúa Real, punto de encontro cos seus amigos, xogando os números 7734 e 13099. Ás veces tócalle un belisco, coma o 30 de xullo de 1894, cando gaña seis duros? é dicir, ¡dez días de aloxamento! Tres anos despois, xogará dous duros na lotería de Nadal.

Como Pondal é larpeiro, encarga, para o Nadal de 1897, turrón brando aos confeiteiros alacantinos Candela e Luna, residentes na cidade, enviándollo a dona Pepita, irmá súa e xefa política e económica da casa familiar. Así mesmo, compra olivas gordales sevillanas na Cooperativa Militar e Cívica, da Estreita de San Andrés.

En febreiro de 1903, Pondal para na Fonda del Comercio, na rúa Real, publicitada «con fermosísimas vistas á baía, de 18 a 20 reais en diante». En novembro de 1912, a súa «torre de marfil» é o hotel Gran Oriente, fronte ao instituto, «fronte ao mar do Orzán», o mesmo albergue que tivera Curros Enríquez na visita á Coruña en 1904. Máis aínda, Pondal durme no mesmo leito que o vate de Celanova 12 anos atrás, como orgullosamente se encarga de amosarlle aos xornalistas de Vida Gallega.

Pondal distraía os seus derradeiros anos con longas camiñadas ata a afastada e venteada Torre de Breogán, por el cantada. Daquela daquela aínda non nacera o barrio de Monte Alto e, a partires do Campo de Marte, todo era unha gándara desolada.

O seu derradeiro albergue será o hotel de Jesús Pérez Bello, La Luguesa. «Gran casa para viajeros» (como rezaba a súa propaganda: «Situada en lo más céntrico de la población, próxima a los jardines de Méndez Núñez y a los baños de Riazor. Habitaciones muy higiénicas. Luz eléctrica y timbres en todas ellas. Mesa redonda a todopensionistas para familias. Precios arreglados, con buenos servicios y coche hasta la puerta da la Casa. El dueño se encarga de los equipajes, tanto en la aduana como al ferrocarril»). A esa altura, o poeta xa perdera practicamente a vista.