Juanillo, un toureiro nos Peares

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

FIRMAS

Vista xeral de Papelle, a aldea natal de Juan González, situada na beira do río Miño.
Vista xeral de Papelle, a aldea natal de Juan González, situada na beira do río Miño. roi fernández< / span>

Juan González tivo unha fama efímera como matador e unha vida chea de aventuras

24 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Papelle é una pequena aldea da freguesía de San Xoán da Cova ou A Furraqueira, pertencente ao concello de Carballedo; orientada ao nacente na ladeira do Miño e coa senlleira característica da arquitectura da lousa dese tramo do canón do río dende Nogueira até Oleiros pola marxe dereita e dende Ribeiras de Miño até Pombeiro pola marxe esquerda. Un de tantos lugares nos que a vida dos seus habitantes, adaptada a unha existencia marcada polas tarefas do agro, sen cambios durante séculos, foi alterada pola chamada da prosperidade e a fartura doutro continente, para así abandonar o tedio agrícola. Non sabemos en que dirección saíu un día desa aldea Juán González Vázquez. Pero si que tiña 19 anos de idade e que emigraba a Bos Aires. A estación dos Peares está a escasos tres quilómetros río abaixo de Papelle, pero non é seguro que marchase por aí, pois saíu rumbo á Arxentina dende o porto da Coruña. Era 1908 e comezaba Juan unha etapa da súa vida cargada de aventuras pasando por unha fama efímera de toureiro.

«Juanillo de Peares, nombre de cartel de un torero a quien la fama y la fortuna no siguió, porque Dios no lo quiso, que en su debut en la plaza de Orense, años ha, ganó con la primera estocada las dos orejas y el rabo de un Mihura, no era de Peares, sino de Carballedo, y lo sigue siendo con el nombre de pila: Juan González, de Papelle».

«É mellor que fales co fillo»

Con esta copia dun artigo de El Pueblo Gallego (1928) diríxome a Papelle. Valéndome desta documentación vou máis tranquilo para cando toque preguntar a algún paisano se por esas terras houbo un toureiro. Aínda así espero a sorpresa dos dous lugareños que atopo falando na estrada; e espétolles a pregunta.

-Si, si houbo, pero é mellor que fales co fillo que é o de esa casa de aí, onde está o Land Rover. Agora hache estar traballando nunha viña por aí abaixo.

A sorpresa foi para min ao escoitar esta resposta. Pensaba que ía voltar con máis pena que gloria e conformábame con facer unha foto da aldea para ilustrar esta reportaxe. Juan José González Rodríguez é home de falar. Ás portas dos oitenta anos, ten boa forma física e moi boa memoria para as lembranzas do seu pai. Conta as cousas coas mesmas verbas do matador. Da etapa de toureiro do seu pai, ademais dos recordos que el lle contaba, só conserva dúas cousas: un retrato co traxe de luces, que podo ver e fotografar nunha sala da súa casa, e o estoque. «Foron as únicas cousas que o meu pai quixo conservar da sua vida de toureiro, o traxe e o demais vendeuno», di.

As Américas, pero de verdade

O primeiro emprego de Juan na capital arxentina é de cobrador da compañía de tranvías Cros, pero só durante uns meses e para poder facerse conductor de automóvil. Así conseguiu un traballo como chófer do arcebispo de Bos Aires, Mariano Antonio Espinosa. Nunha ocasión tivo que levar ao cardeal Pacelli, o que máis tarde sería o papa Pío XII. Con este traballo estivo uns cinco anos, até unha primeira viaxe de visita á súa aldea.

De volta a Bos Aires seguiu viaxando polo continente até Montevideo, unha escala que o levou á cidade brasileira de Santos, para acabar na illa de Cuba, país onde se deu conta que os oficios que triunfaban eran os relacionados coa mecánica. E de Cuba a México, e foi aquí onde coñeceu ao personaxe que o ía achegar ao mundo dos touros.

Miguel Freg, famoso toureiro oriundo de Cidade de México, debutou nunha corrida a que asistía Juan. Freg tiña dous irmáns tamén toureiros, Luis e Salvador. Ese día, un deles poñía as banderillas, conta o fillo de Juan. «Quen estaba poñendo as banderillas era un irmán de Miguel, o máis chaparrito como dicía o meu pai, e el, que entendía algo dos animais deuse conta de que o touro que se lidiaba levantaba un pitón, e foi quen de avisar ao banderilleiro cerca do burladeiro.

-?Cuidado con el pitón del lado derecho.

-¿Oiga, usted es torero?

-Ya me gustaría?.

Nese momento ao intentar clavar as banderillas o animal sacudiu o pitón e por pouco sae mal parado o mexicano que se deu conta da advertencia prudente de Juan: «Pues espéreme a la salida». Ao acabar a corrida falaron e Juan conseguiu as súas primeiras clases de toureo, coñeceu a Miguel Freg, co que entablou boa amizade, e foi el quen máis tarde, alí en México daríalle a alternativa a Gonzalito, en relación ao seu apelido. Esa foi a súa etapa de toureiro en América.

Alternativa e morte en Madrid

Os dous se escribiron e mantiveron contacto, até atoparse de novo unha vez que os dous viaxaron a España. Foi na praza de Madrid, -non na das Ventas, que aínda non existía-, onde o mexicano Miguel Freg Castro lle dá a alternativa a un home que pasará a formar parte da pequena lista de matadores galegos: Juan González Vázquez, Juanillo de Peares. Comezou alí unha andadura polas prazas de Colmenar Viejo, Salamanca, Sevilla, Córdoba, e algunha cidade máis que Juan fillo agora non lembra.

Miguel Freg morría en 1914 en Madrid por unha cornada na iugular, dun novillo da gandería Contreras chamado Salteador. Juan estaba de banderilleiro e no momento non foi consciente da gravidade da collida. Cando Miguel entraba na enfermería, el colleu o estoque e matou o touro dunha aceirada limpa. Con todo o que pasara, o público rompeu a aplaudir. Juan correu á enfermería onde o mexicano dixo as súas derradeiras palabras - «Adiós, Juanillo»-, nos brazos do toureiro de Carballedo.

Outra vez na Arxentina, moceou coa tiple da compañía Scala de Milán, Lina Australia, que actuaba seis meses ao ano no célebre teatro Colón. Voltou a Europa con ela e a compañía de artistas, nun barco holandés de pasaxeiros e cargueiro de zucre. Era 1918 e a Gran Guerra aínda non acabara, así que o barco levaba adaptado un enorme canón na proa. Juan chegou a ver como disparaba sobre un submarino cerca da costa africana.

Tráfico de escravos

Así chegaron a o porto de Dakar, onde fixeron escala. Juan viu o tráfico de escravos negros. Vendían homes. «Se quixese traía un negro para aquí, pero pensou que non sería ben tratado», comenta o seu fillo. Continuaron a viaxe máis cerca da costa por seguridade. Pasou sete meses en Italia, coñeceu Nápoles e aloxouse nunha casa do Viale Pastrenco en Sicilia, de onde era Lina Australia.

Juan González volta a América, para seguir o seu obxectivo, unha preparación profesional no mundo dos motores. Así pasou a California, para cruzar os Estados Unidos e acabar vivindo en Colorado. Alí conseguíu obter un diploma de mestre mecánico torneiro e fresador. Juan fillo lembra este documento escrito en inglés: «Master of Mechanics Lathe and Milling Machine Operator». E dende Colorado a Tampa, en Florida, para embarcar a Cuba e empregarse alí nunha coñecida industria de automoción (Vivlis Vaso, pronuncia o fillo de Juan).

Outro xiro importante ía dar a sua vida o día que apareceu o coche presidencial con moita urxencia para intentar arranxar o que parecía unha complicada avaría. «Se lo arreglo en cinco minutos», dixo Juan ante a incrédulidade do chófer. E cuns sinxelos arranxos eléctricos e unas instrucións ao conductor, o motor arrancou. Dentro do coche agardaba o propio presidente Mario García Menocal.

Sorprendido da destreza na mecánica do galego, quixo recompensalo cun mellor posto de traballo no parque móbil da Secretaría de Estado. O propio presidente o citou ao día seguinte e Juan non daba creto, porque nun principio pensou que sería por algún problema de inmigración.

A sua situación laboral cambiou, e aínda máis cando entablou amizade co irmán do presidente, Pedro Pablo García Menocal, representante da provincia do Oriente. Nunha ocasión, proporcionoulle unha cédula exclusiva da administración cubana en inglés e castelán para facilitarlle os trámites dunha nova e urxente viaxe a Europa, á sua aldea de Papelle. Veu para levantarlle ao seu pai un embargo, pois fora víctima dunha estafa por parte dun cacique de Carballedo.

Ouro e pistolas cun cacique

Xa en Galicia, Juan solucionou o problema con ouro de Cuba e tamén cunha exhibicion de armas curtas por parte dos dous, sen disparos. O político de Carballedo rebaixou a débeda. Era o ano 1918 e pouco parou na casa. Juan quixo convencer aos seus pais para que marchasen con el, pero non o conseguiu e emigrou outra vez a Cuba.

Juan retornou a Galicia no ano 1924 cando García Menocal perdeu as eleccións ante Gerardo Machado. Fixo a viaxe de volta no barco da armada española Blas de Lezo e trouxo de Cuba un chasis e un motor novos. Ao chegar carrozouno para vinte prazas, e conseguíu a liña exclusiva dos Peares a Ourense, adquirindo outro vehículo máis tarde. Así estivo uns cinco anos até que unha sabotaxe o deixou sen coches, alguén ao que agora o fillo de Juan non quere nomear, deixou sen aceite os motores provocando averías de moi custosa reparación.

Unha praza en Ourense

Había que saír adiante, aínda que fose toureando. Así, empresario e toureiro á vez, conseguíu armar unha praza en Ourense. O cheo foi total. Coa primeira estocada, dúas orellas e un rabo dun mihura. Pero o peor estaba por pasar. O socio que tiña para recadar os abonos fuxiu cos cartos vía Portugal cara São Paulo. Arruinado, marcha coa súa muller a traballar a Asturias. Un tío dela de Mieres conséguelle un posto de chófer na liña Mieres-Cabaña Quinta- Concejo de Aller.

Voltou a Galicia para traballar en Vigo en Barreras pois coñeceu a un dos propietarios nunha carreira de coches en Arxentina. No ano 1933, debido á inseguridade na cidade, volta a Carballedo para instalarse no lugar da Granxa de Oleiros, na localidade dos Peares. E máis tarde volta a Vigo e vive en Chantada e Lugo, onde morreu sen deixar de ter contacto coa súa aldea natal de Papelle.

O corpo de Juanillo de Peares xace no cemiterio parroquial de Chantada, a vila na que traballou un tempo o seu fillo Juan.

crónica histórica