Cespón é unha das parroquias do concello de Boiro. No Tombo de Toxos Outos aparece baixo variantes como Sespooa, Sespaon, Sispaona, Sispoon ou Sespalona, esta última seguramente a forma etimolóxica da que temos que partir para explicar o topónimo. Efectivamente, a partir de Sespalona podemos chegar ao resultado actual a través da perda do -L- e a solución do hiato resultante ([ao]) mediante a contracción dos dous elementos vocálicos implicados, o cal dá lugar a unha vogal aberta que aínda se mantén na pronuncia actual do topónimo. Repárese tamén en que a forma Cespón consagrada na toponimia moderna é o resultado dunha hipercorrección gráfica, pois a variante etimolóxica, avalada polos numerosos rexistros medievais, debería ser Sespón. Por outro lado, recoñécese no topónimo a raíz prelatina *pal(l)a-, presente noutros topónimos galegos como Pambre, Paleo, Palavea, Palas etcétera, así como nos substantivos pala e paleira «cavidade na rocha». Menos segura é a explicación do elemento inicial ses-, asimilábel quizais ao numeral latino SEX «seis».