«O PSOE en Lugo é un clan de amigos interesados en estar aí»

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios VILALBA / LA VOZ

FIRMAS

No disponible

Critica que a capacidade de ter votos sexa vista como a maior virtude

05 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Miguel García vén de pasar á reserva. Tras deixar a militancia dun PSOE co que foi concelleiro na corporación de Meira durante oito anos (2003-2011) e fugaz alcalde no 2007, dez días, cre que pode vivir sen a política activa: «Se había beneficios, tívenos á man e deixeinos. Pero non me vale calquera cousa a calquera prezo. Entrei na corporación cunha hipoteca e saín con ela: aínda a teño hoxe. Pero teño que dicir a verdade: comprei un coche» (ri).

En calquera caso, a García custa imaxinalo sen atender a política, sexa local ou nacional, porque das súas palabras, ademais, tírase de maneira clara a conclusión de que é algo que lle interesa: o espectador de televisión que di procurar con máis interese a información política ca a meteorolóxica ou o leitor de xornais que chega ás páxinas de noticias de contido político antes ca a outras seccións non semella destinado a perder ese contacto.

De todos os xeitos, o que non está claro na súa decisión, polo menos nas palabras coas que estes días a explica, é se pecha unha etapa, a da participación activa na polìtica, ou comeza un paréntese que antes ou despois acabará por rematar: «Claro que son político. Que sexa político non quere dicir que vaia volver; tampouco quere dicir que non vaia volver», di, sen achegar unha conclusión definitiva.

-Se chegou á conclusión, como dicía o venres [esta entrevista tivo lugar onte pola tarde], que o PSOE perdeu o norte, ¿cando comezou a ter esa sensación sobre a situación que tomara o partido?

-Se son sincero, cando entrei. Preguntarasme: '¿por que entraches?'. Pensei que podía cambiar, que era algo illado. Para montar a primeira candidatura xa houbo problemas. Non me gustaba que algunha persoa fose na lista, e aproveitei e tamén condeei a Luis [Rodríguez] Edrosa: levaba pouco tempo en Meira, e parecíame demasiado oportunista que alguén que non era de Meira fose alí. Por facer aquilo, montáronme un pollo. Iso foi un sábado. Unha persoa á que eu vetara, Antonio Yáñez Lombardía, díxome que el tiña que ir no número dous. Díxenlle que iría de cinco. Díxome que estaba todo manipulado, e contesteille que o currículo da xente á que eu elixira a avalaba e que non necesitaban a política. Iso era un domingo de feira; eu marchaba a Canarias, de vacacións, o mesmo domingo; dilatei o tema da candidatura, esperei para que non houbese marxe de reacción. Ricardo Varela montou en cólera; algúns (Antonio Yáñez, Luis Edrosa e Ramón Martínez marcharon da lista, e xa daquela comezaron as presións de mala maneira: deime conta de que ao partido só lle interesa a xente que leva votos.

-¿Pensa que pode ter solución o tema?

-Contesto como o outro día: ás veces, si; ás veces, non. [Alfredo Pérez] Rubalcaba é máis do mesmo; [José Luis Rodríguez] Zapatero fíxolle dano ao partido, pero conseguiu votos: ás veces tiña ideas de bombeiro, pero chegou a ilusionar. Rubalcaba ten máis valía, pero non ilusiona. O outro día, na televisión, vin unha enquisa na que o PP baixaba 50 deputados e o PSOE non subía. Mentres haxa Luchos [Luis Ángel Lago Lage, exsenador] e Ricardos e Rubalcabas, non hai nada que facer. Hai xente que di que vai ser un partido residual; eu non o creo. Pero non creo nun partido que só poida gobernar por gobernar, eu esíxolle algo máis. Con todo o que está caendo e aínda que caia Mariano [Rajoy], ao PSOE véxolle un futuro complicado.

-¿Como ve ao partido en Lugo neste momento?

-O PSOE é un clan de amigos interesados en seguir aí. Téñeno todo atado e ben atado. Á hora de facer unha revolución, as agrupacións non pintan nada; todas as agrupacións funcionan igual. Ti dirás: '¿por que tanta batalla?' Porque podes mover apoios, aínda que valer, non valen nada.

-¿Custoulle dar un paso como o que vén de dar?

-Xa fun nas lista do PSOE hai moito tempo. Fun de suplente... Custoume moito agora dar o paso. Se tes irmáns, por moitas cousas que che fagan, son irmáns. Claro que me custou deixar o partido. Pero hai dúas vertentes políticas: a de recadar votos, e aí Antonio de Dios [alcalde por TEGA grazas ao seu voto, que lle negou nun primeiro momento, entre o 2007 e o 2011 e actual voceiro municipal socialista] é moi bo, e a ideolóxica.

-¿Como ve o futuro da sociedade? ¿Pensa que é irremediable unha situación como a que se está a vivir?

-A máis dunha persoa lle teño oído dicir que debía volver Franco. Cando oes esas cousas, non ves que camiño pode ter a política. Creo que á política hai que darlle unha volta de torca.