Noite de ilusión

FIRMAS

Os Reis Magos sempre chegaban cedo á miña casa. Eran outros tempos, agora unicamente veñen en época de rebaixas.

Pola ameaza do seu carbón, procuraba portarme ben durante todos aqueles días previos á súa vinda, e pasaba horas escribindo e corrixindo a carta que miña nai se encargaba de botar no correo co mesmo selo das cartas por avión que lle mandaba a meu pai. Daquela, do Apalpador só quedaba unha difusa lembranza sen nome no prato que poñiamos para que os Reis nos deixasen froitos secos, e de Papá Noel ou Santa Claus, tiñamos a idea de que era unha cousa dos protestantes e polo tanto non nos tocaba ter trato con el.

Andando os anos, o prato deixabámolo nós con figos pasos e polvoróns para que os Magos de Oriente repuxesen forzas, e o egoísmo dos xoguetes reconciliounos cos protestantes, para que os cativos tivesen máis días para disfrutar dos galanos, porque antes, ó día seguinte de estrear unha bicicleta nova tiñas que ir para a escola sen poder gozar dela.

Lembro que na noite do día cinco, despois de cear, meu avó saía ata o Vilar, por se vía pasar ós Reis, para que non se esquecesen de vir pola casa, e moitas veces, antes de que el volvese, xa pasara un deles a deixarnos cousas.

Acostumaba a entrar por unha das fiestras do balcón, ou pola porta da horta (que raro que nunca quixese facelo pola porta principal), e cando nos deixaba os galanos, despois de ser instruídos pola avoa para que lle bicásemos a man e lle désemos as gracias, marchaba por onde entrara e ó pouco aparecía pola porta meu avó, que xa os avisara, pero eles, como eran magos, chegaran antes de que el volvese do Vilar; e que mágoa que non os vise, co seu manto cubríndolle o corpo enteiro, deixando só ó descuberto os ollos, ás veces tapados por unhas gafas de sol; e meu irmán, sempre máis atento ca min a esas cousas, identificaba aquel manto cunha colcha de moitos flocos que rara vez se botaba ás camas.

Outras veces, cando o avó chegaba antes ca eles, servía de mestre de cerimonias indicándolles onde tiñan que sentar e convidábaos a unha cervexa, para recuperar forzas; e logo, cando se ían, aparecían os curmáns de miña nai preguntando se xa viñeran os Reis Magos.

Bendita ilusión aquela pola que estábamos condenados a pasar unha noite en vela.

Daquelas cartas, que estaba obrigado a escribir con boa letra e sen faltas de ortografía, para gañar o favor real, agora só quedan pequenas indirectas, do que necesito ou do que me gustaría ter, soltadas coma quen non quere a cousa durante a sobremesa, agardando que alguén se dea por enterado e pase pola tenda.

Pero desde hai uns anos para acá, os Reis Magos, por moitos recados que lle mandemos para que veñan pola casa, sempre agardan ás rebaixas de xaneiro para cumprir co seu cometido.

O Apalpador non me trae nin unha presa de castañas e Papá Noel só é un adorno colgado dunha fiestra, para invocar a fartura, como se a fartura tivese que entrar nas casas con nocturnidade e ás agochadas, como un vulgar ladrón.