«A sala que leva o nome de Rivas Briones merece respecto»

Xaquín chaves

FIRMAS

MONICA IRAGO

A propósito das intencións do actual goberno municipal de recortar o espazo expositivo da sala de exposicións Antón Rivas Briones.

o xermolo

Durante os anos 80 houbo en Vilagarcía e no Salnés unha efervescencia cultural formada por un nutrido grupo de persoas que traballaban en diferentes campos como as artes plásticas, a fotografía, o deseño, a música e o teatro, que deron lugar á chamada Movida de Arousa. Destas xeracións saíron importantes nomes da televisión, do teatro, da escultura, a poesía e as artes en xeral. Tamén xurdiron entidades coma o cine club Adega ou o Ateneo de Arousa e diferentes certames coma o Outono Micolóxico e o de Curtametraxes do Liceo, ou o Premio de Pintura, que deron un pulo de vangarda e outorgaron a Vilagarcía un lugar privilexiado dentro do panorama cultural de Galicia. Todo isto trouxo consigo a reivindicación, entre outras cuestións, de infraestruturas nas que dar cabida dunha maneira digna ás actividades que toda esa efervescencia aportaba á vida cultural dos cidadáns.

o nacemento

A sala Rivas Briones nace a finais dos 90 grazas á sensibilidade do Concello para responder á grande actividade creativa que desbordaba a capacidade das estruturas naquel entón existentes, ou mellor dito inexistentes, e coa decidida intención de que Vilagarcía fose referencia neste campo coa creación dun novo espazo estable, que dese cabida non só ás exposicións de artistas da comarca, senón a outros artistas relevantes. E tamén co obxectivo de programar importantes exposicións itinerantes producidas por outras institucións, co conseguinte beneficio que supón entrar neses circuítos.

O edificio

O proxecto de remodelación encargouse a unha equipa formada por un arquitecto e un deseñador co obxectivo de xerar un continente ambicioso no seu espazo e suficientemente versátil para dar cabida a todo tipo de eventos dentro do ecléctico mundo das artes visuais, aportándolle unha digna dotación: catálogo, iluminación, montaxe. Tamén se acordou que os artistas que expuxesen aportasen unha obra coma compensación polo costo dos catálogos e servizos, coa finalidade de que o Concello puidese contar cuns fondos que co tempo conformasen o inicio dunha colección de arte municipal.

a actividade

Dende a súa inauguración a sala albergou senlleiras exposicións, con gran afluencia de público e grande repercusión mediática, cun tratamento exemplar por parte da prensa, froito dunha excelente simbiose e empatía ao respecto da importancia que ten a cultura no día a día dunha comarca como é O Salnés e unha vila coma Vilagarcía. Todo isto fixo posible que a programación expositiva de Vilagarcía acadase un lugar de referencia en Galicia.

Cómpre salientar na súa programación A arte galega na Colección Caixavigo; Tauromaquia, tauromaquias de Caixa Galicia; O debuxo no século XX de Caixavigo; Tutankhamon de Caixavigo; Leopoldo Novoa, fondos da Colección Caixa Galicia; Xosé Luis de Dios, organizada polo grupo DES; antolóxica do mestre Rivas Briones; Bienal de gravado Caixanova; Goya, tauromaquia, proverbios y disparates; Gala y Dalí; Más allá de la intimidad, fotos de Marck Lacroix; África tradición sagrada, colección Salvador Corroto; diversas exposicións do premio de pintura do Eixo Atlántico; proxecto Eduarte cos artistas holandeses Peter Schenk e Toon de Heijer; Galicia en foco e un longo etcétera ao que hai que sumar a presenza nesta sala de case que todos os artistas máis importantes do Salnés e de fóra del. Toda esta programación e producción, que non é doada de acadar, non sería posible sen a colaboración desinteresada de moitas persoas e a achega de importantes institucións como Caixanova e Caixa Galicia.

O enriquecemento

Foi un longo proceso que aportou a Vilagarcía e aos vilagarciáns un caudal de formación e información artística, creando un tecido de afinidades e proximidade coa arte que é de suma importancia. Vivimos, penso, unha época dourada que ten que seguir adiante, xa que a arte é un caudal de sinerxias imprescindíbeis, para o ser humano como tal, e un elemento inequívoco de dinamización e enriquecemento da sociedade.

o impás

Dende que o actual goberno tomou posesión, a actividade da sala está coma nun intre de impás, cunha baixada de programación, un recorte na súa dotación para catálogos, suprímese o segundo andar expositivo para outros usos. Todo isto ten unha certa lóxica dende a perspectiva de que hai un cambio de concelleiros e de ideas. Pero o que non é de recibo é que se pretenda agora dunha maneira obscurantista recortala definitivamente ao pretender suprimir o primeiro andar, co cal o espazo expositivo quedaría reducido a menos da metade da súa superficie. Isto imposibilitaríaa para acoller eventos expositivos de certa importancia, poñéndonos ao mesmo ou inferior nivel doutros concellos de menor importancia. Todo isto precisa dunha fonda reflexión, sobre todo porque é tirar co bo facer, aínda que con luces e sombras, de longos anos de esforzo e ilusións. Resultará moi difícil de entender que non haxa vontade e claridade de ideas para respectar a sala Rivas Briones. E se realmente se precisa dun espazo para outras actividades, que non haxa opcións máis lóxicas e operativas, coa cantidade de espazos existentes faltos de uso adecuado ou simplemente sen uso.

AS CONSECUENCIAS

Usurparlle a un espazo o uso para o que foi creado non se pode xustificar dunha maneira tan simplista como é trasladar alí outras actividades, co prexuízo que supón para o rico substrato creativo e para a longa tradición expositiva da sala. Resulta unha deriva incomprensible a non ser que si haxa unha vontade de reducir e minimizar a función de difusión das artes que cómpre á sala Rivas Briones, condenándoa a unha presenza testimonial. Son palabras maiores que non terán o beneplácito de moita da cidadanía. Só me resta dicir que a sala que leva o nome do grande pintor e gravador non merece máis que respecto e esforzo pola súa viabilidade e mantemento, así como pola mellora da súa programación para o que xa é patrimonio de todos os vilagarciáns e referencia en Galicia.

o futuro da sala de exposicións antón rivas briones

Artista plástico