O histórico dirixente nacionalista asegura que Anova participará na vida municipal «desde fóra do Concello»
02 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Mario López Rico (Ribadeo, 1949) deixou a corporación da Coruña en xuño do 2011 con un «hasta logo». «Vou ser un xubilado político, que somos os máis pesados», dixo entón este pai de dúas fillas e bo cociñeiro. Pouco durou o seu retiro. Co seu inseparable Beiras, como el o chama, puxo en marcha o xermolo de Anova, que esta semana fixo a súa presentación oficial no eido local «para participar na vida municipal desde fóra, que é o que nos tocou agora».
-¿Cal é o obxectivo de Anova?
-Somos unha organización xestada a partires de dúas fontes ideolóxicas: antigos militantes do BNG fartos do desafecto crecente da xente a unha forza convencional e controlada por un partido guía e os movementos de rebeldía cívica sen adscrición política. As autonómicas frearon o proceso de implantación territorial e agora estamos retomando ese proceso constituínte no que están a participar máis de 350 persoas.
-¿Poden coexistir no mesmo eido que o BNG?
-Nunha sociedade democrática hai marxe para todo o que represente a pluralidade da sociedade. O que non tiña moito sentido era que só houbera tres opcións para os votantes. Iso foi o que provocou a desafección da xente, que non está farta da política, senón dos políticos e as estruturas tradicionais.
-A Coruña e bisbarra foron o principal viveiro de AGE. ¿Repetirán xuntos nas municipais?
-O dos votos hai que analizalo tendo en conta que esta era a circunscrición de Beiras e que o seu liderado representa o 80 % dos votos de AGE. Ademais, a área da Coruña é a máis puxante e moderna de Galicia e os núcleos urbanos sempre van por diante. O matrimonio de conveniencia que dixeron para descualificarnos manterase mentres haxa unha situación de emerxencia e ataque á cidadanía como a actual.
-¿Concorrerán xuntos logo?
-Queda moito tempo por diante e poden pasar moitas cousas. Faremos o que digan os militantes.
-¿Como sería o candidato ideal de Anova?
-Nacionalista, radicalmente de esquerdas, vencellado á maioría social e que non faga populismo barato. Temos moita canteira.
MARIO LÓPEZ RICO MEMBRO DA XESTORA LOCAL DE ANOVA