Tras case tres anos, o Tribunal de Cuentas vén de avalar a súa xestión
01 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Hai dous anos e medio, unha auditoría externa encargada pola Consellería do Mar deu pé a toda clase de rumores sobre a limpeza das contas do Consello do Mexillón de Galicia e, sobre todo, sobre a limpeza da conduta do seu ex presidente, Ramón Dios, ao que se responsabilizaba do desvío de 1,3 millóns de euros. Por fin, o Tribunal de Cuentas vén de lle dar carpetazo ao asunto tras non detectar indicio de ningunha das irregularidades denunciadas no seu momento pola Xunta. Iso non sorprende a Ramón Dios, que afirma estar «tan tranquilo coma sempre». «Por quen me aledo é pola miña familia. Pasárono moi mal con todo este asunto».
-¿Que pensa agora de todo este proceso?
-Penso que o o secretario xeral de Mar, Juan Maneiro, por intereses persoais, dende a Xunta mandou facer unha auditoría a medida, mentindo, para acabar co Consello e sen lle importar o dano que lle podía facer ao sector mexilloeiro. Agora vén de quedar demostrado que o ex presidente do Consello fixo as cousas ben, que o Consello fixo as cousas ben, e que Juan Maneiro e Rosa Quintana fixeron as cousas mal. ¿Que terían que facer? Irse para a súa casa. Pero supoño que van seguir nos seus postos.
-¿Por que ía facer a Xunta iso?
-Polo mesmo motivo polo que, cando o Consello Regulador denuncia o fraude que está a cometer unha conserveira, a Consellería do Mar ataca ao policía que denuncia os feitos e non ao infractor: porque ten intereses noutras latitudes.
-¿En Chile?
-E en máis paises. O que está claro é que a consellería quere acabar co Mexillón de Galicia e, vendo as políticas que se están a preparar en Europa, co resto dos produtos do mar en Galicia. Aí están as normas de etiquetaxe das conservas, que grazas a unha moción da señora Carmen Fraga, deputada do PP, vai despoxar a todos os produtos galegos, e repito todos os produtos galegos, do seu nome. ¿E que significa iso? Que o que hoxe podemos chamar fraude na etiquetaxe de mexillón, da ameixa, dos berberechos, da navalla, ectétera, vai pasar a ser legal. E que o consumidor vai ver os seus dereitos vulnerados porque non vai saber que é o que está a consumir.
-Fala vostede, e tamén o fai o actual presidente do Consello Regulador, dos danos que este proceso lle causou á DOP e a súa imaxe. ¿Tan grandes foron?
-Durante tres anos estivieron saíndo noticias negativas, a opinión pública estivo recibindo mensaxes negativas sobre o Consello Regulador e as súas contas, a súa xestión... E pasou todo iso no momento no que o Consello estaba a poñer todo o seu empeño, todos os seus recursos, en potenciar a marca Mexillón de Galicia. Estábase facendo un gran esforzo para conseguir poñer en marcha por fin a certificación do produto, e esas noticias negativas complicárono todo. Son dos que pensa que o dano que se lle fixo ao Consello é irreparable. E o que se me fixo a min e á miña familia, tamén.
-Fala da mala imaxe hacia o consumidor. ¿E dentro do sector tivo consecuencias todo este lío?
-Xenerou dúbidas e dividíu, máis se cabe, aos produtores. Aínda así, malia ter en contra á Administración, o Consello Regulador está a certificar unha importante cantidade de quilos.
ramón dios ex presidente da denominación de orixe Mexillón de galicia