O colectivo xa prepara a procesión de Semana Santa
27 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Fundou hai quince anos a asociación Alfaia para ofrecerlle ás xoias da casa, os nenos, alternativas de lecer pero, hai un par de anos, Mari Carmen García e os seus colaboradores decidiron ampliar o seu radio de acción, collendo as rendas da procesión do Paso. Tal foi a acollida que tiveron que non dubidaron en marcarse coma obxectivo ir a máis en cada edición da Semana Santa. De feito, xa están a traballar para introducir novidades na vindeira.
-Celebraron xa unha xuntanza de socios e hai proxectos en marcha, ¿de que se trata?
-Tivemos unha reunión da confraría co fin de poñer en marcha iniciativas coas que recadar fondos, pois queremos mercar a Cruz do Paso. Xa temos na rúa participacións para a lotería de Nadal.
-¿Trátase entón dunha peza custosa?
-Si, o orzamento que temos é de 1.500 euros, pero precisamos xuntar uns cincocentos máis para os outros gastos que implican a procesión, como son as flores.
-No encontro falaron tamén da necesidade de ampliar o número de confrades...
-Nestes intres somos uns oitenta, entra confrades e costaleiros, pero queremos incrementar esta cifra. A nosa idea é darlle auxe ao Paso e ir a máis cada ano.
-Semella que a Semana Santa carece de tradición en Ribeira, ¿é así?
-Había moi tradición, pero perdeuse co tempo e a nosa intención é precisamente recuperala. Nós apostamos polo Paso e a xente está a responder. Nestes intres temos catro mil euros de lotería que están circulando polas rúas.
-¿Teñen en mente algunha outra idea para recadar fondos?
-O resto trataremos de xuntalo coas achegas dos socios e a través de empresas que queiran colaborar. Nós temos que traballar con donativos, pois a asociación non ten cota.
-Hai dous anos que colleron as rendas do Paso, ¿que balance fai?
-Moi bo. De feito, foi a boa acollida da xente a que nos levou a promover a procesión de San Cristóbal, que facía corenta anos que non saía. Tamén queremos darlle auxe a esta actividade.
-Con esta implicación no eido relixioso, Alfaia pasou a abarcar eidos moi dispares...
-Tanto que hai un grupo de directivas que se encargan das procesión e outro que está máis implicado nas actividades para os nenos. Nestes intres temos sesenta, de 3 a 12 anos, asistindo ás clases de pintura e baile.
-E neste eido, ¿cales son os proxectos?
-Agora mesmo estamos coa programación do Nadal. Temos previsto representar unha obra o día 23 de decembro, na que van participar todos os nenos.
-Pese á incorporación de novas actividades, ¿os nenos serán sempre o obxectivo número un de Alfaia?
-Si, tal e como indica o seu nome, a asociación formouse precisamente para darlle protagonismo ás xoias da casa, aos nosos nenos.