Axudas para conservar o meco e as pampórnigas

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

FIRMAS

ALBERTO LÓPEZ

A Deputación concede apoio económico á festa da parroquia da Ermida

08 nov 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

A área de Cultura da Deputación e a asociación veciñal Souto do Val -que organiza as festas da parroquia quiroguesa da Ermida- asinaron un convenio que ten por obxectivo axudar a conservar a tradición festiva do meco e as pampórnigas, asociada á romaría local dos Remedios. O colectivo recibirá 4.000 euros para os gastos de organización do festexo, que se celebra entre o 8 e o 9 de setembro. A Deputación xustifica a concesión destas axudas -a asociación xa recibira outra subvención hai dous anos- polo especial valor etnográfico, histórico e turístico do festexo, considerado como un dos máis singulares que se conservan en toda a provincia.

O historiador Julio González Montañés -nun traballo publicado na web da asociación Círculo Internacional de Amigos de los Gigantes- sinala que as máscaras do tipo do meco teñen unha longa tradición nas festas galegas do Corpus, unha celebración relixiosa que en toda Europa estaba acompañada por figuras demoníacas de carácter carnavalesco. En documentos do século XVI está sinalada a presenza de personaxes deste clase nos festexos de Betanzos, Ribadavia e Allariz, onde recibían os nomes de «gamachiños» e «fenos». Polo que respecta á festa da Ermida, segundo indica este estudo, os veciños acostuman dicir que se celebra desde tempo inmemorial, pero as noticias máis antigas que se coñecen datan de finais do século XIX.

Vellas denominacións

González Montañés sinala que en certos documentos procedentes da igrexa parroquial da Ermida que se conservan hoxe no Arquivo Diocesano de Lugo -nos que se consignaron os pagos realizados aos organizadores da festa- os nomes dos personaxes típicos da romaría son mencionados de diversas maneiras. En 1882 son denominados como «felo y un gigante». En 1884 figuran como «gigantes y gracioso» e en 1887 como «gracioso y pampónigas».

Por outro lado, o nome de felo que aparece no citado documento é aplicado noutras partes de Galicia a personaxes típicos das festas de entroido. Hai arredor dun século dábaselle tamén esta denominación a un personaxe enmascarado que participaba na procesión das festas de Santa Lucía na parroquia de San Cristovo de Cervela, no municipio do Incio. Ao igual que o meco da Ermida, este personaxe levaba unha vasoira fabricada con ramas punxentes de escornacabras -árbore tamén coñecida como terebinto-, coa que atacaba aos fregueses durante o festexo.