«O lobo escapa dos homes»

marta valiña CARBALLO / LA VOZ

FIRMAS

MARCOS RODRÍGUEZ

«Moitas veces os animais salvaxes levan a culpa do que non fan» di o alcalde de Corcubión e veterinario de profesión, Francisco Javier Lema Fuentes

06 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O alcalde de Corcubión, Francisco Javier Lema Fuentes, veterinario de profesión, fala con paixón dos lobos. Os que nas películas ouvean á lúa e nos contos comen aos nenos. Animais con mala sona, moi afastada da realidade, que Lema Fuentes estuda nos montes da Costa da Morte dende hai case 20 anos. Rememorando aquel famoso programa de Félix Rodríguez de la Fuente, o corcubionés non dubida en levantarse moito antes de que saia o sol para seguir as pegadas dos Canis lupus que habitan na comarca. Na actualidade, di, a Costa da Morte, cun cento de individuos, acolle unha das poboacións máis densas de lobos de toda a península ibérica.

-¿Por que os lobos teñen tan mala sona?

-Hai que remontarse á prehistoria, ao principio dos tempos. Cando o home apareceu na terra era nómade e collía o que lle ofrecía a natureza. Nese momento o home incluso asustaba aos lobos para roubarlles as pezas que os animais cazaban. As cousas cambiaron no Paleolítico Superior, cando o home faise sedentario e deixa de ir dun lado a outro. Faise agricultor e gandeiro e cambian as tornas, porque entón é o lobo o que lle rouba ao home, porque para o animal é máis doado collerlle o gando que perseguir ás presas salvaxes. Así empezou un conflito que dura ata os nosos días.

-Nas lendas comían aos nenos e aos camiñantes, por exemplo.

-Iso vén doutras épocas, como na Idade Media, cando o lobo padecía a rabia. Non quixera eu atoparme cun lobo rabioso de 40 ou 50 quilos disposto a atacar o que se puxera diante. Hoxe en día tampouco me gustaría estar fronte un lobo de Alasca, por exemplo. Pero ese non é o caso dos que hai en Galicia. Aquí o lobo escapa dos homes, sabe que o home é un depredador e tenlle moito medo. O lobo non ataca salvo que sexa para defenderse.

-Os gandeiros non lles queren moito.

-Pois no gando doméstico os lobos non están producindo tantos danos coma se cre. De feito, hai zonas nas que hai lobos e os gandeiros nin o saben. Ás veces decátanse porque os lobos comen os animais mortos que deixan fóra á espera de que as empresas de xestión de residuos animais os recollan. E moitas veces os lobos levan a culpa do que non fan, porque eu teño estando esperando por eles, agochado en granxas onde hai bichos mortos, e ver como son os cans dos veciños os que entran a comer.

-¿Como naceu a súa paixón polos lobos?

-Cando era neno vivía cerca do cuartel da Garda Civil de Corcubión e alí, polos setenta, cando eu tiña seis ou sete anos, levaban os lobos que abatían por orde da Junta de Exterminación de Alimañas. Foi a primeira vez que vin un lobo morto e impresionoume. A finais de 1995, cando a pequena Eva Lavandeira desapareceu polos montes de Vimianzo, uninme ás cuadrillas de busca e uns paisanos contáronnos que por alí había moitos lobos e amosáronnos os seus restos. Así empecei a estudalos e alí filmeinos por primeira vez.

-E xa non puido parar.

-Non [ri], para min o lobo é coma un vicio, porque unha vez que os ves no monte por primeira vez intentas volver sempre que podes, así que eu vou ao monte todas as fins de semana. O primeiro que fago é estudar o terreo alí onde a prensa ou os veciños din que hai ataques. Busco pegadas, excrementos e demais rastros e dependendo de como sexa a zona fago observación directa e espero durante horas ou deixo cámaras que se activan cando hai movemento.

-¿Que é o máis espectacular que ten gravado?

-Para min as mellores imaxes son aquelas nas que hai cachorretes pequenos. Esas impresionan, porque son a mostra de que onde hai crías hai un grupo estable. Pero a mellor gravación que teño é a dun grupo comendo unha egua. Estaban a menos de 150 metros de min.