O décimo Castañazo Rock contará con cinco actividades paralelas
02 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Como sucedeu nas últimas edicións, o décimo Castañazo Rock que se celebrará mañá en Chantada estará acompañado de diversas actividades paralelas para todas as idades que se desenvolverán ao longo do día en diversos lugares da vila. Os organizadores sinalan que os asistentes chegados doutras localidades poderán pernoitar gratuitamente no pavillón deportivo do colexio Eloísa Rivadulla, na avenida de Monforte.
Castañazo infantil. Comezará ás once da mañá na praza do Cantón. En caso de que chova, trasladarase á Casa da Música. Haberá actuacións de Cé Orquestra Pantasma e do contacontos Anxo Moure, así como un espazo de xogos tradicionais con birlos, trompos, aros e xogo da rá.
Cantos de taberna. Ás tres da tarde iniciarase a terceira edición do certame de cantos de taberna. Os grupos participantes -formados no máximo por dez persoas- farán un percorrido polos cafés Parada, Los Ángeles e Capitol, o restaurante Centro, o bar O Canizo, o Café Mar, o bar Plaza e a polbería Os Pendellos. En cada local poderán degustar unha consumición pagada polos organizadores. Os premios consistirán nunha cea na referida polbería, lotes de viño da Ribeira Sacra e camisetas do festival.
Aberto de billarda. O mercado gandeiro será escenario a partir das cinco da tarde do quinto Aberto de Billarda, no que poden participar todas as persoas que o desexen. A inscrición pódese facer antes de comezar o torneo.
Xogos bravús. Ás sete da tarde, tamén no mercado gandeiro, principiará a quinta edición do campionato de xogos bravús, que constará de catro peculiares probas deportivas: lanzamento de boina, arrobolamento de ourizo, corrida de leiteiras e movemento de marcos. Poden participar ata doce equipos de catro persoas cada un.
Magosto popular. Ao rematar os xogos bravús e antes de comezar os concertos -ás oito e media da tarde-, no mercado celebrarase un magosto popular patrocinado pola cooperativa Icos.