O topónimo Chancelas (Abanqueiro-Boiro) aparece no Tombo de Toxos Outos como Chancella ou Chancela, sempre en singular. É evidente a relación con outra forma toponímica como Chanca, do latín *PLANCA «plancha, táboa plana», á súa vez forma feminina do adxectivo PLANCUS «pés planos». O lexema chanca designa ben unha poza, ben a parte máis fonda dunha valgada, e, de feito, autores como Elixio Rivas sinalan que as formas toponímicas xeradas por *PLANCA probablemente fixesen referencia en orixe a unha táboa colocada nas partes máis estreitas das correntes de auga para atravesalas. A voz romance chanca aparece documentada nos textos a partir do século XIV, moitas veces utilizada como sobrenome.
Por tanto, supomos que o topónimo Chancelas ten a súa orixe nun derivado diminutivo da voz chanca, ou, sendo máis estritos, do seu precedente latino *PLANCA (pois, de pensarmos nun derivado de chanca, o resultado moderno tería que ser *Chanquela). Así, a forma de que temos que partir é *PLANCELLA, que evoluíu de xeito regular para o romance Chancela, posteriormente pluralizado.