A lalinense falará sobre xenética emocional, este sábado, nunha conferencia aberta a todo o público interesado
04 oct 2012 . Actualizado a las 10:46 h.O salón de actos do Hotel Palacio de Lalín acollerá o vindeiro día 6, a partires das 10 da mañán, a charla desta terapeuta lalinense que pretende que «a información sobre terapias alternativas lle chegue a todo o mundo, de maneira transparente e con coñecemento, sempre dende unha base científica».
-Leva sete anos adicándose ás terapias manuais, ¿que a fixo escoller ese camiño?
-Por inquedanza. Dende sempre foi unha cuestión que espertou o meu interese e tamén por entender que á medicina tradicional lle falta algo. Nese oco é onde entran as terapias manuais. Por iso me marchei a cidades coma Valencia, Madrid e Barcelona na procura dunha formación axeitada. Tomei parte en numerosos cursos de terapias manuais e na actualidade conto cunha consulta propia en Lalín na que atendo doenzas de todas as índoles. É importante salientar que a medicina tradicional e as terapias alternativas son dúas ramas que se complementan perfectamente.
-O de consteladora familiar é moito máis recente...
-A formación como consteladora familiar remóntase a dous anos atrás. É unha maneira de tratar patoloxías a través da xenética. Trátase dunha psicoterapia que desfai os nós enerxéticos do ADN de orixe emocional nunha gran parte. Saliéntase que o 70% dos problemas psicolóxicos que nos afectan veñen da nosa historia e relación familiar. É un tipo de psicoterapia sistémica familiar desenrolada polo filósofo, pedagogo e antropólogo Bert Hellinger. Viviu dezaséis anos en Sudáfrica como misioneiro católico entre os zulúes. Hellinger dirixiu unha escola onde ensinaba e era cura nunha parroquia; unha experiencia que influiu no seu traballo. Cando voltou de Sudáfrica foi cando iniciou a súa traxectoria en terapia familiar sistémica. Hoxendía é unha corrente moi extendida en todo o mundo.
-Cales son as técnicas que se empregan, ¿as manuais?
-Non se empregan técnicas de ningún tipo, e os que asistan á conferencia do vindeiro sábado poderán comprobar o que digo. É importante que a xente saiba que se poden paliar doenzas sen tomar fármacos de ningún tipo. O único que se require é que o doente queira sanar, que se amose predisposto a curarse.
-Nese afán de axuda aos demais está tamén a súa faceta de colaboración cun orfanato de Perú...
-Levo anos realizando este tipo de colaboración, e continúo. Agora céntrome só no envío de cartos ao ser moi caro mandar paquetes de roupa ou de enseres como fixen noutras ocasións. A verdade é que conto con particulares que me axudan a enviar diñeiro ao Orfanato de Lurín.
carmen carballude terapeuta e consteladora familiar