«Estamos ao nivel de Cataluña»

Fernando Molezún A CORUÑA / LA VOZ

FIRMAS

Kin García.O contrabaixista Kin García
O contrabaixista Kin García PACO RODRÍGUEZ

Acaba de sacar un novo disco e celebra a boa saúde do jazz en Galicia

03 sep 2012 . Actualizado a las 13:13 h.

É un dos nomes inevitables cando se fala de jazz en A Coruña e un dos grandes divulgadores de esta música na cidade, coa súa labor como profesor no conservatorio e como director da Big Band composta por alumnos. O contrabaixista Kin García acaba de publicar un novo disco xunto a Jacobo de Miguel (piano) e Noli Torres (batería). Chámase Accipiter Gentilis (Audia Records), e nel combina dúas grandes paixóns: a cetraría e a música.

-O de instaurar a especialidade de jazz no conservatorio parece que calou ben.

-Vai vento en popa. Cada vez temos máis xente de fóra, xente de Euskadi, Cataluña ou Madrid, que van buscando algo que realmente lles interese e o atopan aquí. Incluso xente de Cuba. Agora mesmo xa non temos máis prazas. Estamos moi contentos e, sobre todo, moi ilusionados.

-¿Onde está o secreto de este éxito?

-É que era necesaria, porque en España só tiñan esta especialidade os cataláns e os vascos. Os músicos galegos tiñan que ir fóra para sacar a licenciatura. E calou fondo porque os estudantes danse conta de que poden sacar unha carreira interpretando a Charlie Parker ou John Coltrane ou a súa propia música. Non é que unha música sexa mellor ou peor que outra, simplemente é que estamos nun século no que os rapaces deben ter estas opcións. Incluso estamos vendo como xente que está acabando clásico quere vir á especialidade de jazz porque queren aprender a improvisar. Son xente que teñen xa moita técnica, e iso lles da moita facilidade para meterse nunha música para eles descoñecida pero moi atractiva. Interpretar coa partitura a costas é moi importante, pero de vez en cando é moi bo poder voar e deixar libre o seu propio discurso.

-¿Son compatibles ambas músicas?

-É máis, se complementan. Os mozos no conservatorio comparten as materias troncais. De feito hai ocasións como pasou este ano, nas que os alumnos de jazz tocan coa sinfónica do conservatorio, e encantados da vida. O fin e o cabo son xente con técnica sobrada para compartir escenario. Ademais, tratase de apoiar unha causa común, que somos o mesmo centro.

-¿Que poden atopar os alumnos aquí?

- Os rapaces teñen fácil traballar porque abren un abanico laboral moi amplo, teñen a formación clásica e a moderna, así que igual fan arranxos para orquestras, músicas para documentais... Valen para calquera cousa.

-¿E que tal o nivel?

-Pódese ver en Internet. Hai un concerto da Big Band que está gravado no Rosalía que son todo composicións dos nosos alumnos, o seu traballo de fin de carreira, vamos. Pero para que te fagas unha idea, Jacobo de Miguel, que gravou o piano no disco, foi o primeiro titulado en jazz do conservatorio. Agora xa estamos todos mesturados, alumnos con profesores, facendo traballos.

-¿E como está de saúde o jazz en Galicia?

-Hoxe en día estamos facendo tantos discos aquí como en Cataluña, e estamos ao seu mesmo nivel. De aquí saen uns vintecinco discos o ano. Ademais temos algo moi importante e non sempre valorado, que é a nosa música tradicional. Algo moi forte que impera en todos nós aínda que sexa de modo inconsciente. Aínda que fagas jazz americano temos ese tres por catro que é noso, que sempre está alí.

-Moito cambiou a cousa nestes últimos anos.

-Nós tiñamos que aprender pola nosa conta. Lembro que estiven un mes encerrado na casa co disco de Weather Report ata que aprendín todos os solos. E logo dicíate un tipo: «Esa é tal escala». E ti apuntabas nunha libreta. Aprendíamos á inversa, primeiro a práctica e despois a teoría.