Bombeiros do aeroporto fan o mantemento de vehículos para aforrar
27 ago 2012 . Actualizado a las 11:33 h.No aeroporto de Alvedro traballan unhas cen persoas. A representación sindical das mesmas está encabezada por Justo Pérez (A Coruña, 1956), presidente do comité de empresa. Traballa no servizo de bombeiros e ten claro que a crise afecta negativamente a todo o funcionamento do aeroporto, pero defende con rotundidade que «Alvedro ten moito futuro». Nos últimos días sorprendeulle a posible redución de rutas de Iberia, algo que desde o comité de empresa non se entendería por razóns económicas senón políticas. Pérez tamén salienta o compromiso dos traballadores para facilitar ese futuro e mellorar os servizos.
-¿Algún exemplo concreto dese compromiso?
-O avión de Iberia que ten a súa saída para as 6.30 moitas veces ten problemas para saír puntual. Nós entramos as 6 da mañá e antes de dar operativos certos servizos hai que probalos equipos o que nos leva certo tempo. Se o avión ten que repostar, cousa que sucede moitas veces, non o pode facer ata que os bombeiros estean operativos. Iso habitualmente provoca retrasos de saída. Isto non sería un problema se os traballadores afectados empezaran antes a súa xornada. Por parte do comité xa se lle ofertou a dirección adiantar a apertura do servizo, pero foi rexeitado. Os traballadores somos conscientes do problema que isto supón para Iberia e incluso estamos dispostos a adiantar a apertura do servizo de forma gratuíta para que ese voo de Iberia poida saír a hora tódolos días. Facemos iso polo futuro de Alvedro, o mesmo que asumimos o mantemento de vehículos co que aforramos máis de 50.000 euros anuais a Aena.
-¿Que futuro ten?
-Este aeroporto ten moito futuro porque a metade dos seus pasaxeiros son fixos. Aínda que se compare con outros como Santiago ou Xirona que teñen dous millóns e medio e tres millóns de pasaxeiros, máis ou menos. Eses viaxeiros son ficticios porque son de compañías de baixo custe que están subvencionadas e van aí só polo prezo, non polos servizos que teñen. Se en Alvedro tivéramos dous millóns de pasaxeiros baseados en compañías como Ryanair estaríamos en máis perigo que agora. O futuro desa compañía e das de baixo custe é breve: esa xente sen subvencións no fai rutas.
-¿Habería que subvencionar?
-O que non pode ser é que custe máis o bus da Coruña a Ferrol que o voo de Santiago a Londres. Están tirando con cartos da administración pública e se non atenden aos dependentes non parece lóxico que subvencionen os avións.
-¿E os viaxeiros de Alvedro?
-Ten un importante número de usuarios fixos, máis ou menos a metade dos pasaxeiros, que son os que mantiveron o aeroporto todos estes anos, os que coa súa demanda obrigaron as compañías a aumentar as conexións e os destinos. Porque todas as rutas novas que se fixeron desde Alvedro non eran rutas experimentais xa que cando abriu Londres, Amsterdam ou Sevilla a ocupación dos avións a eses sitios era altísima. Ademais, temos a sensación de que por parte da Xunta nunca se apostou por este aeroporto, Alvedro foi medrando pola reivindicación dos seus usuarios.
Justo López Presidente do Comité de empresa de alvedro