A punta de pistola

Fran Alonso

FIRMAS

01 ago 2012 . Actualizado a las 16:38 h.

Estirou o pescozo. Quería presentarse coa cabeza ben alta, imitando a figura esvelta de James Bond. Contemplouse no espello do ascensor. Logo, levou a man ao peto do pantalón e apalpou a pistola. Sentiuse poderoso, con ela. A súa presenza baixo a tea do vaqueiro imprimíalle unha forza case sobrehumana. Facía que se recoñecese capaz, invencible. Neses momentos, non se percibía como un calquera. A pistola non era de ouro, como a de Gadafi, pero pintáraa de dourado. Sentíaa como parte seu corpo. Como o sangue que corre polas veas.

-Falo eu- soltou a frase con contundencia, case ao tempo que o timbre do ascensor anunciaba que chegaran ao segundo andar.

Rica non contestou. Sabía que cando o Varas vivía un momento de tensión era mellor non levarlle a contraria. Poñíase vixiante, adoptaba unha actitude de estar contra o mundo e? estiraba o pescozo. Naqueles momentos dominábao unha actitude violenta.

Rica tampouco era das que se deixaba arredar.

-Non fagas parvadas- advertiulle.

Abriuse a porta e saíron ao corredor. O Centro de Acollida ocupaba toda a planta. Chamaron ao timbre. O Varas esforzábase en estirar o pescozo sen deixar de acariñar a pistola a través do pantalón. Se cadra, precisaba asustar unhas cantas ratas, como fixera Gadafi antes de que o traizoasen.

Abriulles a porta a mesma muller sorrinte de sempre. A Rica amoláballe aquel sorriso. Parecíalle que os que lles roubaran os fillos se estaban a burlar dela.

Entraron sen devolverlle o sorriso. Ela, seria, avanzando con desdén. El, tenso, co pescozo estirado. Fixéronos pasar á sala de espera. O Varas non sentou. Movíase inquieto, dunha esquina á outra, sen deterse sequera a ollar pola xanela. De alí a pouco chegou a monitora responsable. Informounos, durante cinco minutos, da situación e dos progresos dos nenos. Eles asentiron sen prestar atención. Finalmente fíxolles saber que, naquelas circunstancias, só tiñan dereito a media hora de visita.

Conducíronos ao Punto de Encontro Familiar e chamaron os cativos. Pixie e Dixie apareceron pola porta sen daren mostra ningunha de entusiasmo. Achegáronse primeiro á nai, que teatralizou a alegría do reencontro para impresionar a monitora. O Varas deulle unha forte palmada nas costas a Pixie, facéndose ver. O neno nin sequera se volveu a ollar para el. Miraba para o chan. Quedou á espera de que a súa irmá rematase de darlle un abrazo á nai para apertala el tamén.

O Varas sentiu o menosprezo do neno. Tiña o pescozo ergueito e debuxábaselle nel o impredicible mapa das veas. Nin sequera agardou a que Rica acabase de abrazalos. Sentía quente a pistola no peto. Botou man dela e logo de pronunciar a frase, veña Rica, rematou o teatro, apuntou directamente a monitora, que puxo cara de arrepío.

-Ti, comigo- díxolle a Pixie cun ton de imposición que soaba a vinganza. E ti, Rica, agarra a Dixie. Veña, marchamos!

A monitora xesticulaba nerviosa diante da ameaza dunha arma, evidenciando impotencia.

-E ti como te chamas, monada?- preguntoulle o Varas ao tempo que a rodeaba por atrás, amarrándoa co brazo por enriba do pescozo e apretándolle a punta da pistola contra a fronte.

-Sonia- farfullou.

E logo engadiu:

-Pero, tranquilo, tranquilo, eu vou facer o que ti digas.

O Varas sentiuse reconfortado polo poder daquela pistola dourada que se marcaba na pel da monitora. Dese xeito, atravesaron o corredor e chegaron á recepción, onde obrigaron a persoa que lles abrira a porta a tirarse contra o chan. Logo apertou a Sonia co brazo e cunha manobra violenta guindouna tamén ao chan.

Á que se levante de aí antes de media hora métolle unha bala na cabeza-berrou antes de pechar a porta.