A lanzadora olímpica de xavelina iniciou na escola a paixón atlética
02 jul 2012 . Actualizado a las 09:31 h.A vida de Marta Míguez (Louredo-Cortegada, 1973) está tan unida á da súa irmá Nuncha coma ó lanzamento de xavelina, unha disciplina que a converteu en olímpica en Sidney 2000.
«A ela, que é un ano maior ca min, gustáballe o deporte -lembra-. Viu o de xavelina e comentouno con Julio Fernández, o profesor do instituo Blanco Amor, e empezou. Eu ía detrás dela e, ó final, gustoume aquelo e fun vendo que tiña certo talento».
Marta, hoxe coordinadora de deportes no pavillón dos Remedios, amosa rápido a súa paixón pola competición: «Non hai que ser tonto e emperrarse en algo que non che vai ben». E, como a ela lle ía ben a xavelina, insistiu. Os seus éxitos no atletismo tiveron dende o principio unha espectadora activa, a súa profesora Olga González Baltar.
«Doña Olga», macedana casada en Cortegada, foi mestra das irmás Míguez e unha indiscutible admiradora de Marta: «Cando deixaron o colexio para estudar en Ourense eu sempre seguín en contacto coa nai e despois fun seguindo a Marta nos xornais. Eu sentíame orgullosísima, tanto dela como da súa irmá, pero xa de antes do deporte. Incluso os meus fillos estaban un pouco celosos de tanto que falaba delas na casa». Non ten reparos en confesar que Marta e Nuncha eran as súas alumnas preferidas «por traballadoras, por formales e por vitales porque non eran unhas ñoñas; os compañeiros adorábanas».
Marta recibiu de Olga clases de Sociais en 6º, 7º e 8º EXB -«menos mal que non che tocou a ESO!», exclama a mestra- e con ela viviu momentos aínda activos na memoria: unha excursión escolar a Madrid ou a primeira vez que se desprazou a Ourense. «Convocaran uns premios sobre a Constitución -conta Olga- e o primeiro ano gañástelo as dúas irmás. Eu fun de Cortegada a Ourense nun Seiscentos con catro rapazas, leveinas a ver o salto de Castrelo e lembro que lles dixen: o mundo non se acaba en Louredo». Na vida de Marta Míguez os mestres escribiron páxinas determinantes. A súa valía para o deporte comezou a encauzarse da man de Mario Guede, que nos anos oitenta daba clases na escola de Cortegada na que a futura olímpica estudaba. «Daquela non había obrigatoriedade de profesores especialistas en ximnasia pero Mario era xa un home preparado. Entón o que se xogaba alí era balonmán e a verdade era que arrasabamos en toda a provincia». O seguinte nome clave é o de Julio Fernández, alma deportiva no Blanco Amor, onde Marta cursou BUP: «El tiña dous fillos alí estudando e a min preparoume o camiño coma un fillo máis. Daquela eu non sabía o que era Inef, pero gustábame o que facía Julio» así que, claro, cursou Inef. «Pero -asegura- o mellor que fixen foi introducir o deporte na vida cotiá porque o corpo ímolo ter sempre e hai que coidalo o mellor posible».
a alumna
«Marta, no físico, sempre foi alta e, ademais, cumplidora e integrada cos compañeiros a tope; era traballadora, pero encantáballe rir e xogar. A súa nai era moi esixente -o pai estaba en Suiza- e a súa preocupación era se podería vivir do deporte. Sempre me preguntaba: Dona Olga, a vostede que lle parece?»
A MESTRA
«Olga era esixente e mantiña a orde na clase e iso era unha motivación porque nos deixaba traballar. A miña maior decepción foi o cambio ó Progresa adecuadamente; eu prefería o estímulo das notas porque era fomentar o espíritu de competición, o premio ó esforzo, que hoxe non forma parte da educación».