«Agora xa hai algún cliente na barbería que me prefire a min»

ANA F. CUBA MONDOÑEDO / LA VOZ

FIRMAS

PEPA LOSADA

Esta alfocense traballa na emblemática barbería mindoniense Romeiro

02 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Antes de converterse en barbeira, Margarita Basanta Vigo (Alfoz, 1966) aprendeu corte e confección e traballou na casa de costureira, durante uns meses atendeu excursións no Seminario de Mondoñedo (onde se mudou aos 18 anos, cando casou, á vivenda dos sogros), dedicouse durante anos á horticultura por conta propia e allea (aínda hoxe ten invernadoiros) e, despois de sacar o carné de conducir autobuses e camións, empregouse nunha empresa de transporte de viaxeiros.

Esta muller polifacética e inqueda -«sempre me gustou estar facendo algo, cursos de informática, o que fora»- superou o infortunio persoal -quedou viúva con 28 anos e coidou a varios familiares políticos, que tamén faleceron de xeito prematuro, ata ficar soa- e, animada por seu padriño, o barbeiro alfocense asentado en Mondoñedo Manuel Vigo Chao, inscribiuse na academia luguesa Dobao Imagen para cursar perrucaría.

«Estiven dous anos, déuseme de marabilla -recorda-. Os dous primeiros meses paseino mal porque eran todas rapazas moi novas e eu parecía a mamá, pero collémonos moito cariño e pasámolo moi ben. Elas admirábanme por estar facendo isto á miña idade, e mentres tanto eu continuaba traballando nos meus invernadoiros polas mañás para costearme os estudos».

Ela mesma se sorprendeu da súa capacidade: «Volver a estudiar anatomía..., cando só fixera o EXB, pero aprobei todo e rematei en dous anos». Nada máis acabar entrou na barbería de seu padriño, a barbería Romeiro, na rúa Álvaro Cunqueiro, en Mondoñedo, un negocio que vai camiño dos 119 anos, fundado por José Ramón García Penelas na entón rúa Méndez Núñez.

«Tívenme que adaptar -recoñece Marga-, a xente estaba acostumada a meu padriño pero unha vez que empezaron a verme traballar, sen problema. E hoxe, de marabilla, ata teño algún cliente que xa me prefire a min». A barbeira ten xornada de mañá e manexa a navalla con soltura, tanto que só hai un cliente con reticencias: «Debe ter medo a que o corte».