«Estás con cinco sentidos postos, unha vida pérdese en segundos»

Olimpio Pelayo Arca Camba
O. P. ARCA LALÍN / LA VOZ

FIRMAS

Jacobo Mariño traballa por segundo verán consecutivo como socorrista na piscina municipal de Lalín.
Jacobo Mariño traballa por segundo verán consecutivo como socorrista na piscina municipal de Lalín.

Obtivo o título logo de pasar de traballar na construcción ao paro

01 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Jacobo Mariño Piñeiro (Lalín, 1988) é un dos dous socorristas que teñen as piscinas municipais de Lalín este verán: xunto co seu compañeiro David Taboada repártese a vixianza das instalacións interiores e das exteriores, no seu segundo verán neste traballo.

-¿Que formación se precisa para ser socorrista?

-É preciso superar un cursiño e obter o diploma correspondente. Eu fixen un curso de 240 horas, que incluía cinco asignaturas: salvamento acuático, primeiros auxilios, anatomía, psicoloxía e lexislación. Tamén tiven que superar cinco probas físicas para ter o título; entre elas, tes que nadar con aletas 100 metros, e 50 remolcando a un maniquí dun peso de oitenta quilos. Outra é facer 25 metros sen respirar, rescatar ao maniquí do fondo da piscina, e voltar con el. Logo na praia tamén tes que facer un rescate simulado. Para min a proba máis difícil foi facer 50 metros a braza, chegar, coller aire, nadar 25 metros e coller o maniquí. Todas as probas cun tempo determinado que non podes superar.

-Vostede traballa cando os outros están de vacacións ...

-Eu antes traballaba na construcción, no aillamento térmico de fachadas. Pero a miña empresa presentou un ERE e fun ao paro, así que o resto do ano non traballo. Decidín sacar o título de socorrista para ter traballo polo menos no verán.

-¿Pero de rapaz vería ?Los vigilantes de la playa??

-(Risas). Eu non a vía, só de vez en cando, pero víao polas rapazas, nada máis. Nunca pensei que ía ser socorrista, pero ao estar no paro, vin o do cursiño aquí en Lalín e gustoume a idea, porque sempre me gustou estar coa xente, familiarizarme cos rapaces.

-¿Como é a súa xornada laboral?

-Abrimos ás doce, colocamos os salvavidas, un por cada escaleira e facemos os distintos controis: nivel de desinfectante da auga, conductividade, pH, e tamén o número de bañistas a distintas horas da xornada. Pechamos ás oito da tarde, e recollemos algunha basura que sempre deixa algún maleducado, aínda que teñen tres caldeiros para depositala.

-¿Chega a ser aburrido?

-Pode resultalo cando chove ou fai mal tempo. Estás aquí e aproveitas para estudar algo, poñerte ao día no salvamento acuático, porque as técnicas cambian e se te atopas cun problema, tes que estar preparado para saber reaccionar; ou pos algo de música. Pero os días bos non dá tempo a aburrirse, porque estás en todo momento controlando á xente, vendo a situación da piscina. Cando hai tanta xente tes que estar cos cinco sentidos postos, porque nuns segundos pódese escapar unha vida.

-¿Vense xa as persoas que poden ter problemas na auga?.

-Cos rapaces é cos que tes máis medo, sempre lles preguntas se saben nadar, se se defenden: non teñen desarrollados os pulmóns, e afogan en menos tempo que un adulto. E logo están os mozos, que sempre algún se pon a facer volteretas, e tes que vixiar por se dan un golpe contra o bordillo, que xa terías que intervir. Moitas cousas, hai que estar sempre con moito coidado.

jacobo mariño piñeiro socorrista da piscina municipal de lalín

«Cos rapaces é cos que tes máis medo, e cos que fan volteretas»