«Cada vez é máis difícil ser nacionalista, ser galego»

f. fernández FERROL / LA VOZ

FIRMAS

Rico estivo sempre vencellada á ensinanza e á cultura galega, foi concelleira catro anos e agora segue no partido

02 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Elia Rico (Meira, 1949) preside a asociación cultural Medulio e acabar de ser reelixida responsable do Consello Local do BNG.

-Hai un ano deixou a política municipal, ¿que a animou a repetir como responsable do BNG?

-Non tiña pensado repetir, pero tampouco tiña claro deixalo. Entón, a xente do Consello Local pediume que seguira, son fácil de convencer, supoño. Na política municipal decidín non participar, efectivamente, pero tiña claro que quería seguir colaborando co nacionalismo onde fora, porque sempre tiven claro que o primeiro que temos que reivindicar os galegos é a nosa identidade e sempre o fixen. Debido a iso cheguei ao nacionalismo.

-E precisamente ¿como chegou ao nacionalismo?

-Sempre fun ensinante, quería ter responsabilidades, cambiar aquelo que non me gustaba no ámbito do ensino, fun directora dun centro quince anos e liderei grupos para cambiar a normativa de educación infantil... Sempre tiven moi claro que as orixes dun teñen que ser o punto de partida para facerche un sitio na sociedade. A partir de aí tiven un chamamento do nacionalismo para integrarme na lista para as municipais do 2007, antes incluso de afiliarme ao BNG. Exercía de galega pero non participaba activamente na política.

-Como responsable do BNG local, ¿que cre que pode aportar de novo?

-Gústame traballar en grupo, non me considero a ideóloga ou a que vai marcar os pasos, senón que son a persoa que neste momento está encabezando un grupo de traballo. Temos varios obxectivos importantes baseados no programa do BNG, como a mellora das infraestruturas ferroviarias, de transporte de pasaxeiros e de mercadorías; os terrenos ocupados por Defensa na cidade, o saneamento da ría, a promoción da lingua e a cultura galegas, e o levantamento do veto a Astano, que vai caducar no 2015, pero ao mellor o amplían. O poder está en mans da globalización, non está mirando que ningún pobo sexa autónomo ou conserve a súa identidade.

-¿Diría logo que é máis complicado agora ser nacionalista?

-Eu diría que si, agora mesmo xa nin o Estado español ten moita autoridade, manda Bruselas e a emperatriz Merkel. Cada vez é máis difícil reivindicar a diferenza dos pobos, ser nacionalista, ser galego.

-De todos os obxectivos que ten o BNG, ¿cal é persoalmente para vostede o máis importante?

-A defensa da lingua e da cultura é a base para facernos conscientes de que temos unha gran valía, de que podemos defender os nosos intereses, de que temos recursos suficientes. Incentivar a nosa autoestima, darnos conta de que non somos un pobo de ignorantes, que somos un pobo culto, que ata o de agora vivíamos no ostracismo, nos esconderon a nosa historia, os nosos referentes, non coñecíamos a Castelao, nin a Rosalía, nin a Bóveda, nin a Díaz Baliño. Os poderes centralistas e a globalización atacan a cultura propia dun país. Por todo isto temos que reivindicar con forza os nosos sectores produtivos, a nosa ría, o sector naval, a agricultura, o enerxético, as infraestruturas ferroviarias, que as temos tercermundistas. Non somos máis modernos por ser españois ou europeos, temos que facernos un sitio tanto no Estado español como no mundo pero partindo do que somos.

-¿Que opina da crise interna que está a vivir o BNG?

-É bastante lamentable, supoño que as augas volverán ao seu cauce, o sentido común será o que marque a pauta.

-O seu fillo, Iván Rivas, acaba de estrearse de concelleiro, estará orgullosa del.

-Procurei educar aos meus fillos na reflexión para que foran persoas socialmente comprometidas e responsables, pero eles toman as súas decisións.

elia rico responsable do bng ferrolán