Fai cinco anos, os investigadores Carlos de Aracil e Juan José Burgoa, prezados colaboradores do noso anuario, publicaban na editorial Embora o Inventario heráldico ferrolano, sen dúbida unha das aportancións mais sobranceiras sobre a ciencia do brasón na bisbarra ferrolá.
Continuadora en certa maneira deste primeiro traballo, chega ás nosas mans outra brilante colaboración destes autores: o Inventario heráldico de las comarcas del Eume y Ortegal, A Coruña, Diputación Provincial, 2011, 120pp.
De novo o rico e antiquísimo patrimonio da nosa comunidade, posto en valor, nesta ocasión, a través dun preciso inventario das labras, laudas sepulcrais e outras manifestacións heráldicas características das comarcas do Eume e Ortegal, onde a pegada dos Mosteiros de Caaveiro e Monfero, a influencia da linaxe dos Andrade ou dos condados de Labacengos e Ortigueira quedaría gravada para sempre nas pedras das vivendas, nos muros das igrexas e mesmo nos monumentos mais relevantes.
Cómpre salientar que por expreso desexo dos autores, a práctica totalidade dos exemplares deste libro doaranse a Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol, de tal forma que a súa venda sirva para axudar a cubrir unha pequena parte das súas necesidades.