Os relatos breves

La Voz

FIRMAS

18 ene 2012 . Actualizado a las 13:17 h.

A primeira obra narrativa de Cunqueiro, «Merlín e familia», é xa unha novela de retallos unidos por un fío, o mago. Estes retallos son historias independentes que amosan xa os trazos significativos do seu estilo. As historias recollen breves descricións de personaxes entre populares e fantásticos, é dicir, uns inspirados na tradición oral que Cunqueiro coñeceu xa dende neno e outros achegados de mitos e lendas, mesturados todos eles sen outra orde que a disposta pola fantasía do autor.

Esta técnica é a empregada tamén nos libros de contos breves («Escola de menciñeiros», «Xente de aquí e de acolá» e «Os outros feirantes»), nos que, amais de describir a realidade da Galicia rural, nos seus costumes e nas súas tradicións, coexiste naturalmente en cada un deles un elemento prodixioso en forma de animais que falan, de espíritos de familiares mortos que interveñen nos acontecementos cotiás, de obxectos fetiches que mesmo poden ter vida propia ou, sobre todo, de xentes con habilidades sorprendentes ou comportamentos extravagantes. É a faceta cunqueirá favorita de quen isto escribe.

Estas narracións están inspiradas (pero só inspiradas, pois logo son recreadas libremente pola imaxinación do autor) na tradición oral. Adoitan presentar o protagonista por aquilo que lle acontecera ou por aquela actividade que o facía único entre todos os seres humanos, nomeadamente algo por completo extraordinario. Pode haber algunha descrición moi breve das súas características físicas, que tamén lles son peculiares.

o humor sempre

A explicación do extraordinario a través de situacións concretas conduce sempre a un desenlace que é naturalmente consecuente co punto de partida, aínda que non deixa de ter igualmente o seu lado máxico.

Bouso de Prado, por exemplo, non quería crer que lle sobraba un óso da cabeza, ata que un compoñedor lle fixo expulsalo polo nariz e viu que non era un óso humano: «Por iso che sobra», aclara o compoñedor. E é neste desenvolvemento da trama onde, polo xeral a base de diálogos breves, xorde o humor. Moitas veces a xeito desa sorna galega que non dá moito pé á réplica, como neste exemplo: «?Por un lobo non foi?, dice Marcelo de Muras, capador, que sempre anda de monicas, e dice mui burlento cando lle preguntan polo oficio: ?Capador, pra servilo?».

Outras veces resulta cómica a situación por ter unha explicación evidente, pero da que os personaxes tardan en darse conta, como que a frauta de pedra que lle deran a Felpeto non soara por ser de pedra, senón porque quen a fixera, que era un sabio alemán, esquecera furala.

E un apunte máis. Despois de ler a Cunqueiro parecería que por Mondoñedo pasou o mundo enteiro de seres alunados e fantásticos. E digo parece, pero eu non o dubido, que o mundo da imaxinación ten de seu esta capacidade de ocorrer varias veces en distintos sitios e en distintos tempos, de certo.