Planificación estratéxica

Carlos Henrique López Coto

FIRMAS

15 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Oconcepto de planificación estratéxica nace nos anos 50 como instrumento dos empresarios alemáns trala guerra, pero comeza a utilizarse para territorios e rexións nos oitenta, é unha ferramenta imprescindible para a ordenación dos recursos públicos de xeito coherente, xusto e equilibrado, e o ámbito de aplicación pode ser estatal, autonómico, comarcal ou municipal, e tamén en calquera campo: no urbanístico, no social, no cultural, etcétera.

A transformación da ría de Bilbao de conxunto arqueolóxico industrial decadente a destino turístico cultural é o froito dunha coidadosa planificación estratéxica con previas análises moi completas e moi serias. Sen unha planificación, é dicir, sen un plan, os resultados son a construción de aeroportos sen avións, os portos sen barcos ou as universidades sen universitarios, todo por falla de recursos ou de oportunidades.

A Xunta de Galicia aprobou as directrices de Ordenación do Territorio, unha norma que impón unha estrutura territorial de cidades, vilas e núcleos para a ordenación do transporte e infraestruturas e para a implantación de equipamentos públicos seguindo unha xerarquía.

Esta norma establece que Ribeira e Noia son as dúas cabeceiras da comarca, os concellos nos que se construirán os grandes equipamentos comarcais (un hospital, por exemplo), tamén sinala que Boiro, Rianxo e Porto do Son son as tres subcabeceiras da comarca, adquirindo carácter supramunicipal, no caso de ter que instalar un equipamento para varios concellos, terase que se situar en un deles, o resto (A Pobra, Outes, Lousame, Mazaricos, Muros) unicamente poden acoller edificios públicos de carácter municipal. Do mesmo xeito, as directrices establecen que se hai que implantar un equipamento (un auditorio, por exemplo) non se poderá construír en Portosín ou Taragoña se previamente non existe en Porto do Son ou Rianxo, respectivamente.

Esteamos de acordo ou non con esta xerarquía, trátase dunha planificación territorial imprescindible para o desenvolvemento coherente do país que pretende evitar duplicidades, e que de ter sido aprobada uns anos antes non teriamos agora tres aeroportos, dous portos exteriores distanciados dez millas ou tres universidades con facultades duplicadas por mor de localismos egoístas e absurdos. O resultado é, por exemplo, que a Xunta teña que subvencionar ata con 100 euros por pasaxeiro para que as compañías aéreas vaian a un aeroporto, cartos públicos que se poderían investir noutro lugar.

Porque unha vez que se constrúe un edificio, hai que darlle contido e dotalo de medios humanos e materiais, o que supón un custo de mantemento que moitas veces non se ten en conta nin é posible, por iso vemos edificios públicos que non están rematados ou non se poñen en funcionamento por falla de financiamento para o mantemento, e son cartos públicos malgastados que mellor poderían ser investidos noutro lugar ou noutro equipamento.

No caso dos concellos que apenas teñen recursos, a maior parte dos edificios son construídos por medio de subvencións públicas de outras Administracións que antes de concedelas terían que realizar unha auditoría e obter un compromiso económico de mantemento.

Hai que esquecer as loitas localistas por conseguir edificios que non podemos manter e loitar por acadar unha conciencia comarcal para mellorar sen malgastar.