Geada, defensor a ultranza do asociacionismo, foi un dos fundadores da Mancomunidade de Municipios da Mariña, «para poder desenrolar, sobre todo, a faceta económica». «O que non se sostén é esa forma de funcionar, vémolo agora, todos os concellos empeñados, unha calamidade», sinala, moi crítico coa xestión actual. «Realmente o gran problema que temos é que non se mira ao futuro senón ao presente, e antepóñense intereses persoais e individuais aos colectivos», reprocha. Sobre o porvir amósase pesimista: «Coñecín polo menos dúas crises, no negocio e na política, e iámolas recuperando, porque críamos no futuro, e nas persoas non había a corrupción de agora». Pide racionalidade aos responsables públicos e lamenta a herdanza que van recibir as novas xeracións: «De pouco serve ter a xuventude mellor preparada se non se lles da unha saída». E tampouco esquece aos amigos empresarios «fundidos».
Este federalista convencido defende a unificación de Alfoz e O Valadouro. «Considérome un namorado da miña terra, do Val do Ouro, e seguirei loitando por conseguir que as chamadas utopías, respecto ao progreso, sexan realidade», di, aos 70 anos, sen perder un ápice do compromiso de toda unha vida.