Rosalía de Castro dará nome á rúa que vai ata o pavillón de San Sadurniño

LA VOZ SAN SADURNIÑO

SAN SADURNIÑO

<span lang= gl >Esta é a rúa que levará o nome da poeta e novelista, figura destacada do Rexurdimento galego</span>
Esta é a rúa que levará o nome da poeta e novelista, figura destacada do Rexurdimento galego C. S. S.

A proposta do goberno local foi aprobada por unanimidade, igual que o destino do POS+ provincial

01 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A rúa que vai da avenida Marqués de Figueroa ao pavillón municipal de San Sadurniño levará o nome de Rosalía de Castro, «unha muller que non require explicar a súa relevancia», sinalou a portavoz do goberno local, a nacionalista Mari Carmen Muíño. Esta proposta do executivo de Secundino García foi aprobada por unanimidade no pleno do xoves, igual que os proxectos e a distribución do POS+ provincial.

A Deputación asignoulle ao Concello 568.000 euros, dos que case 399.000 se destinarán a gasto corrente. Os outros 169.000 investiranse en melloras da rede viaria: o aglomerado de A Fontela a O Eirexado, en Naraío; a reparación dun tramo en Piñeiros, en San Sadurniño; o asfaltado da pista dos Miguelares, en Igrexafeita, e da que enlaza a estrada de Ferreira a Moeche co lugar de Ramil, en Lamas; e intervencións en Silvalonga e Piñeiros, en San Sadurniño, e no Couto e Penacastrelo, en Lamas.

Na sesión tamén se adiantaron as obras do Plan Complementario, por 200.000 euros. Actuarase nunha das pistas de Fontao e no camiño que conecta este núcleo de Naraío co do Piñeiro; na pista de Moimentos a preto dos Vilares, un tramo na Castiñeira e outro na Esperanza (os tres en Santa Mariña do Monte); e a pista que vai desde O Xestal ata As Filgueiras, en Ferreira.

Na sesión saíu adiante unha moción do BNG denunciando a situación da sanidade pública e esixindo «máis investimento, máis profesionais e mellor planificación». O edil do PSOE votou a favor e o PP abstívose. O Bloque aprobou outra iniciativa instando á Xunta a mediar no conflito do transporte público de viaxeiros, apoiada polo PSOE e rexeitada polo PP. E outra reclamando financiamento xusto para o Servizo de Axuda no Fogar, coa abstención da oposición.