Pizzano, mariñeiro de Espasante xubilado: «Co mar non hai que andar con chanzas»
ORTIGUEIRA
Todos o coñecen polo apelido da súa avoa paterna, italiana, e saben o que lle gusta «botar un cantarín» na taberna ou na rúa, no seu pobo e coa súa xente
17 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ten os ollos azuis coma o mar que idolatra cando anda terra dentro, herdanza da súa avoa paterna, italiana, á que tamén lle debe o nome de Pizzano. A José Miguel Lage Rubido (Espasante, 77 anos) todos, os do seu pobo e moitos de fóra, o coñecen como Pizzano, e todos saben o que lle gusta «botar un cantarín», como di el antes de arrancarse a cantar unha peza escrita por Cien, que viviu en Espasante: «Levo un ano de casado coa miña Manoela / e xa ten determinado fuxir para Venezuela / díxome o outro día que non quería andar en zocas / heille mercar zapatos...».
Por riba de todo, declárase carneiro, como se fan chamar os de Espasante. Se fora do tempo de Jack London, seguro que tería sido o protagonista de O lobo de mar, mais un capitán bo, retranqueiro e solidario, non coma Wolf Larsen. Pizzano é o protagonista dun cómic, O Porto, obra do donostiarra José Manuel Mata, o seu mellor amigo, que retrata a este home de barba e pelo brancos, ben parecido e «lustroso», como di o seu fillo máis novo, Xurxo, e de xesto serio, que muda a carón da súa xente.
Experiencia mar adiante non lle falta. «Comecei andar ao mar con trece anos [...]. Matei un pouco a fame na casa, porque daquela, na posguerra, serían catro ou cinco as casas de Espasante nas que había fartura [...]. Leváronme dous homes de aquí, Piñita e Quico, nunha lanchiña aos centolos ata San Andrés de Teixido. Collíanse 50 ou 60 e pico, e o día que máis foron 103», lembra, cunha memoria prodixiosa. Aos 15 xa embarcou ao bonito e ao bocarte, «con mareas de dúas ou tres semanas; era calamitoso, polo tempo e pola falta de medios, nun barco pequeno de Cudillero, con Milocho». Daquela vén xa a súa relación co País Vasco: «Iamos ao bocarte e vendiamos en Ondarroa, cun trato marabilloso [...]; son un namorado de Euskadi e dos vascos, é un pobo ao que sempre admirei».
Tamén andou ao peixe espada e ao marraxo pola costa —«o venres colliamos o tren pequeno desde Ferrol para vir a fin de semana, e o domingo de volta»— e máis adiante nas Azores. Antes botou anos á baixura, «de xaneiro a abril, á xiba, e de outono a Santos, Nadal e parte de xaneiro, ao camarón (á nasa), que era o que daba cartos, vendíase en Cedeira; xa o comía no barco, cun vaso de viño [risas]. Ía con Corcobas e con Trigueiro, que era un gran mariñeiro». Quen lle ensinou a «entender o tempo» e saber ler o mar foi Pataquiña, «o máis experto», xa falecido, co que comparte aventuras na obra de Mata.
Un ano na construción
Volveu ao bonito en Cedeira, unha costeira, e marchou a Vigo para enrolarse no Santa María de Jesús, «que ía ao espada ás Azores, con Cocorró (maquinista)». Xurxo recorda a tartaruga que lles trouxo a el e a seu irmán. «Era un barco de madeira, pero potente», di Pizzano, que era o engraxador e conseguiu que lle dobraran a soldo naquel pesqueiro que patroneaba Moisés —«pescaba moi ben»—. Nas Azores colleunos un temporal, perderon o aparello e avariou o timón, pero quedou nun susto. Ten visto a morte de cerca, ao bonito e na Mansa, ao pé da casa —«co mar non hai que andar con chanzas»—, e ten axudado a rescatar algún corpo días despois dun naufraxio.
Logo volveu á baixura e rematou a súa vida laboral con 55 anos en terra firme, de peón de albanel nas obras da promoción Benta-Berri, en San Sebastián. «Nunca traballara na construción. Chamoume Mata [...], fun con outro de aquí, Antonio de Bares [...], gañabas nun mes máis ca no mar en tres».
A Pizzano, que leva varios anos vivindo entre Madrid e Cangas del Narcea, dóenlle a morriña —«fóra de Espasante, encólleseme o corazón»— e os amigos que foron quedando atrás —«o mellor que tiven de rapaz fora panadeiro aquí, Marcial, cantarín... sempre tomabamos os viños; e despois Nelo, once anos máis novo, que tamén morreu»—.
Cantar di que cantou desde rapaciño, no Orilla, no Planeta Vello, no In, no Bimbe... cancións populares galegas e logo tamén vascas e de ultramar. Pero os cantos de taberna, que tanto gustan hoxe, noutros tempos foron denigrados: «Parecía que se botabas un cantarín nun bar estabas borracho [...], e eu borracheiras collín dúas en toda a vida, unha nun fin de ano na casa de Paco. Sempre fun moi comedor [risas]».
Leva anos nos Revirados, que trunfan na Canción de Tasca de Espasante, á que lle escribiu Luis, outro amigo vasco de Pizzano: «Entre Bares y Ortegal / en la rada de Ortigueira / yo soy de un pueblo elegante que canta y baila muiñeira / gente bregada en la mar / Agapito y Pataquiña fueron los dos mejores / O Porto de Espasante é moi especial / aquel que o visita namorado vai». Reivindica a súa lingua e a súa terra «coma o mellor do mundo». E o mar: «Bañarme pola mañá e beber na fonte de San Antón dáme a vida, o mar cura todo, e a auga tan limpiña de aquí...». «Aí vén o vento do mare, aí vén o vento mareiro...» Que nunca falten un cantarín nin un amigo!