Diego de Braelle, cantautor de Ortigueira: «O meu principal referente é Andrés Dobarro»

A. CUBA ORTIGUEIRA / LA VOZ

ORTIGUEIRA

Diego de Braelle nun concerto nas festas do Alivio, en Tomiño, no que acompañou a Lara Villaverde
Diego de Braelle nun concerto nas festas do Alivio, en Tomiño, no que acompañou a Lara Villaverde CHRISTIAN VILLAVERDE

Este veciño de Couzadoiro acaba de publicar o seu primeiro disco, «Ortegal», con temas compostos por el

14 may 2022 . Actualizado a las 12:46 h.

Diego Soto Martínez (Couzadoiro-Ortigueira, 28 anos) canta desde neno. Diego de Braelle, o seu nome artístico, aprendeu a tocar a guitarra co cantautor viveirense Tony Cazás. Daquela estudaba e xogaba ao fútbol, e a música «aínda era unha afección». Agora, este carpinteiro compaxina o seu traballo coa composición, e xa ten á venda o seu primeiro disco, Ortegal. Leva tempo tocando. Xa non 2011 actuou no magosto da comisión de festas de Couzadoiro, e no 2013, nas primeiras Olimpíadas Rurais desta parroquia. Tamén tocou por Santa Icía no desaparecido Bar de Fredi —«que ben se estaba alí!»—, en Espasante, onde deu dous concertos no verán do 2020.

Xa leva máis dunha década escribindo cancións. «Cando veu a pandemia dediqueille máis tempo, tiña tres temas, melloreinos e compuxen tres máis, a música e a letra, e entón decidinme a gravar», conta. Botou man dun amigo, Víctor Martínez, tamén de Ortigueira, que estudou comunicación audiovisual. «A gravación do meu disco foi o seu traballo de fin de grao. Tivemos tres ensaios no local do Concello de Ortigueira, preparámolo coma un estudo, el levou todo», explica. «Primeiro gravamos a batería [Brais Fustes], despois a guitarra e a voz [el], e logo o saxo [Álvaro Fernández], o teclado [Joel Crespo] e demais... Os coros de dúas cancións son de Lara Villaverde, unha amiga de Tomiño», repasa. Así foi, durante varios días, a comezos do 2021. A masterización fíxose en maio e o disco xa se pode reservar a través das redes sociais do autor, que é quen o vai comercializar.

«O disco físico chegará dentro de dúas semanas», avanza. Algo xa se pode escoitar en Spotify ou YouTube e haberá unha presentación no Teatro de Beneficencia. Diego inspírase nas súas vivencias e no seu entorno. O tema que abre o disco é Grandarroiba, que xurdiu do cómic homónimo do seu amigo e veciño Cristian F. Caruncho. «Hai dúas cancións sobre relacións amorosas, unha das Olimpíadas Rurais, outra dun amigo que escapaba da casa dos seus avós para fumar...». Para Diego, a música «é o máis importante», sobre todo cando sobe a un escenario e o público canta as súas letras. Un cantautor de referencia? «O principal é Andrés Dobarro, que debería estar máis valorado», contesta sen dubidar.